Víctor Senra: «Afronto o Rali de Noia con moita ilusión e con gañas de facelo ben»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

NOIA

JOSÉ PARDO

O piloto conseguiu un segundo posto na primeira proba do campionato galego

18 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

É o actual campión galego de ralis. De feito, acadou o título da especialidade dúas veces consecutivas (2017 e 2018) e, ademais, conseguiu ao longo da súa longa traxectoria deportiva, entre outros triunfos de prestixio, dúas vitorias no Campionato de España. En concreto, en Llanes no ano 2013 e, en Ferrol, no 2016.

Fillo do tamén piloto Manuel Senra, Víctor Manuel Senra Carreira (Olveira-Dumbría, 1984) -máis coñecido con Víctor Senra no mundo do motor- comezou dende moi pequeno nos circuítos de karting, onde quedou campión júnior no ano 1999.

O deportista afronta esta nova tempada cun Citroën C3 (R5, categoría FIA, xusto por debaixo do World Rallye Car), pertencente a escudaría Yacar Cross Racing de Culleredo.

-Que balance fai da primeira carreira, o Rali da Coruña, onde rematou segundo na xeral por detrás do herculino Iván Ares?

-Moi ben. O coche respondeu moi ben e creo que acadamos un gran resultado, sobre todo pensando nos primeiros postos do campionato galego.

-Cal é o obxectivo para esta tempada?

-Afronto este ano co obxectivo de lograr acadar os tres campionatos consecutivos. Son nove probas do calendario e somos optimistas de poder logralo de novo.

-Ten coche para iso?

-A verdade é que si. Temos un gran coche, un gran grupo e un gran equipo de competición. Nese sentido estou moi tranquilo.

-A vindeira proba celebrarase a primeira semana do mes de abril e será o Rali de Noia. Que pode adiantar do trazado?

-Do percorrido, máis ben pouco, porque aínda non se coñece por completo. Lembro o de anos anteriores e caracterízase por ter tramos moi técnicos e moi rápidos. Alí xa gañei no 2017 e teño moi boas sensacións para a proba da primeira fin de semana de abril.

-Ten para vostede un sabor especial correr en Noia?

-Para min é como correr na casa, porque, de feito, en anos anteriores algúns tramos pasaban preto da miña vivenda de Olveira. Ademais, teño a ilusión de poder acadar un bo resultado pensado na xeral da clasificación.

-É un percorrido axeitado ás características do seu coche?

-O coche que temos este ano é supercompetitivo, trátase dun Citroën C3-R5 de 300 cabalos de potencia, que vai moi ben neste tipo de percorridos. Afronto o Rali de Noia con moita ilusión e con gañas de facelo ben.

-A afección non fallará a cita.

-Nunca falla. Sempre está aí, apoiando a todos os pilotos. Esta bisbarra ten moitos seguidores no mundo do motor, como xa se puido comprobar na primeira cita: o Rali da Coruña [houbo tramos en Cerceda e na Laracha].

-Quen será o seu copiloto neste proba noiesa?

-Volverá comigo David Vázquez [de A Estrada] que non puido participar no Rali da Coruña por unha lesión. Na primeira proba contei con Moncho López como compañeiro.

-Vai levar a cabo algún tipo de adestramento antes da cita noiesa?

-En principio, non. Dedicaremos o tempo a preparar o coche e a telo todo listo para a proba.

-Con quen se xogará o título autonómico?

-Alberto Meira, de Vigo, e Iago Caamaño, da Coruña. Creo que serán os dous máximos rivais, tanto en Noia como no resto de probas do calendario. Son dous moi bos pilotos, con experiencia e con dous grandes coches e escudarías. Serán os dous grandes rivais, que non deixan de ser grandes amigos.

-Se poden ter amigos nunha disciplina tan competitiva como é o mundo do motor?

-Si, eu dende logo os teño. Tanto Alberto Meira como Iago Caamaño son os meus amigos. Levámonos moi ben e a rivalidade é soamente deportiva. Soamente somos contrincantes cando poñemos os cascos e nos subimos aos coches para comezar a correr. Ao rematar cada rali volvemos a ser amigos.

Víctor Senra Carreira. Naceu en Olveira-Dumbría o 23 de xullo de 1984.

23.ª tempada. Empezou no motor no 1996 en karting.

Títulos. Bicampión galego (2017 e 2018), campión júnior de karting (1999) e gañou dúas probas do nacional en Llanes (2013) e Ferrol (2016).