Unha vila en constante evolución

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

As melloras en servizos e equipamentos engaden atractivo ao municipio

02 mar 2019 . Actualizado a las 05:15 h.

Noia / La Voz. Camiñando polo seu casco histórico, entre lousas e edificios medievais, calquera pode pensar que o tempo se detivo en Noia, que a vila permanece inamovible a pesar do paso dos séculos. Pero non é así, a noiesa é unha localidade en constante evolución, que avanza e se actualiza coa renovación de servizos e equipamentos para os seus veciños. Nos últimos tempos téñense levado a cabo un bo número de actuacións encamiñadas, sobre todo, a mellorar a calidade de vida da cidadanía e a facer de Noia un lugar no que ficar a vivir.

Entre os traballos acometidos, e que quizais sexan os menos valorados porque non se aprecian a simple vista, inclúense os realizados para mellorar tanto o saneamento coma o abastecemento de auga. Certo é que queda moito por facer, pero hai proxectos en marcha para solucionar unha serie de problemas pouco menos que endémicos na vila. No que respecta ao subministro de auga, aínda que se fixeron melloras na planta potabilizadora, está pendente un investimento da Xunta de 900.000 euros para acabar definitivamente coas deficiencias no servizo que se veñen arrastrando dende hai anos.

En canto ao saneamento, Noia está incluída nun proxecto europeo polo cal se está a elaborar un estudo en profundidade da situación da rede para, con esa información na man, planificar as obras que será preciso acometer para erradicar definitivamente as verteduras.

Maior visibilidade

Outro dos campos nos que se ten actuado e no que son máis visibles os cambios ten que ver coas infraestruturas viarias e a mellora da accesibilidade. Este é un aspecto difícil de abarcar, pero téñense eliminado varios puntos nos que as barreiras arquitectónicas eran un atranco infranqueable para as persoas con mobilidade reducida. Unha das intervencións máis recentes de cara a facilitar o tránsito peonil foi a que se desenvolveu no entorno da piscina municipal, onde tamén se levaron a cabo melloras para o acceso ao recinto.

Pavimentacións e construción de beiravías, como as da zona de Orro, son algunhas das actuacións viarias realizadas, que dentro de pouco se verán complementadas co proxecto de humanización que se vai levar a cabo na travesía de San Bernardo. Neste caso, o Concello conta coa colaboración da Administración autonómica para desenvolver unha ambiciosa intervención que ten por obxecto rexenerar un dos principais accesos á vila, mellorar a seguridade viaria, reordenar o aparcamento e gañar espazo para o tránsito peonil. A obra vén de adxudicarse por algo máis de 200.000 euros e executarase nun tramo duns 400 metros de lonxitude nos vindeiros catros meses.

Na liña de construír unha Noia para as persoas, tamén se materializaron melloras nas zonas verdes e parques infantís. Os xardíns Felipe de Castro e o entorno da praza das Angustias son algúns dos puntos que se someteron a un lavado de cara, así como as inmediacións do paseo marítimo. O parque infantil que hai nesa zona, igual que outros do municipio, someteuse a unha importante renovación, mentres que se habilitaron novos equipamentos para a práctica de skate.

Patrimonio etnográfico

Na evolución experimentada por Noia tamén ten un papel importante o patrimonio. Se os principais recursos históricos e culturais están no corazón do casco histórico, existen outros moitos elementos a ter en conta e que están demostrando ter un enorme potencial.

Un dos exemplos máis claros disto está no roteiro do Rego das Cunchas. Hai que desprazarse uns quilómetros desde o centro da vila para percorrelo, pero paga a pena facelo para adentrarse nun espazo natural no que tamén semella que o tempo se detivo. O ano pasado acondicionouse o entorno, limpáronse os muíños que hai na zona despois de décadas de abandono e recuperouse un sendeiro que se está a revelar como un elemento que atrae a veciños e visitantes que o percorren de cotío.

No que respecta á atención á mocidade, non só se ten actuado en instalacións e espazos municipais, senón que tamén se realizaron melloras, algunhas moi importantes, nos centros educativos noieses.

Precisamente, esta semana comezaron unha serie de traballos para librar das pintadas o instituto Virxe do Mar, mentres que nos dous recintos de educación primaria se realizaron investimentos para acondicionar as instalacións. O máis destacado, valorado en máis de 670.000 euros, está previsto que se execute durante as vacacións estivais. A Consellería de Educación destinará esa importante cantidade a realizar obras encamiñadas á mellora da eficiencia enerxética no Felipe de Castro.