Santiago Freire: «Na xestión creo que fixemos un traballo responsable»

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

O mandatario considera que o municipio ten avanzado moito nos últimos anos en distintos ámbitos e que é preciso manter a mesma liña

02 mar 2019 . Actualizado a las 05:15 h.

Cústalle moito a Santiago Freire concretar as actuacións máis destacadas das que se teñen realizado en Noia nos últimos anos. É moito o traballo realizado, e o alcalde fai un repaso polos aspectos que cre que marcarán un antes e un despois para o municipio.

-Acaban de cumprir tres anos no goberno municipal, ¿que cambios experimentou Noia?

-Este é un mandato atípico no que se dá unha situación que non é a máis desexable para afrontar un goberno, ao que chegamos mediante unha moción de censura. Tivemos menos tempo e cando chegamos atopámonos cunha situación de funcionamento do Concello complicada polas baixas laborais e xubilacións. Aínda así, cremos que se incidiu en varios aspectos positivamente. Por unha parte, na situación económica. Tiñamos unha débeda de en torno a 2,8 millóns de euros en facturas pendentes de pago, iso reduciuse significativamente, en dous millóns e medio aproximadamente, e hoxe Noia ten unha situación económica corrixida. No aspecto da xestión, creo que fixemos un traballo responsable. Por outra parte, incidimos en determinados investimentos que calquera vía que había de acometer. Estou a falar de inmobles de titularidade municipal sobre os que era necesario que actuar, como a rehabilitación do Casino. En canto ás instalacións deportivas, existía unha demanda dun terceiro pavillón e estaba claro que o colexio de Bergondo tiña unha carencia importante e conseguiuse construír ese polideportivo. Tamén era preciso actuar na mellora do abastecemento, no mantemento de rúas e estradas, na renovación de parques infantís. Fomos tocando todos os ámbitos.

-Unha cuestión pendente é o PXOM, precisamente por problemas co abastecemento.

-A aprobación do plan xeral era outra das cuestións que eran unha prioridade. Aí fixéronse os trámites e fóronse completando os informes que faltaban, pero atopámonos con un problema co que dende logo non contabamos, que era que a captación de auga de Alvariza non estaba regularizada nin dada de alta. Leva máis de 30 anos instalada, pero non está legalizada nin existía constancia da súa existencia en Augas de Galicia, e nós iniciamos o proceso de rexistro desa captación e co proxecto de legalización para dala de alta. Mentres isto non estea resolto e haxa informe favorable de Augas non se pode aprobar definitivamente o planeamento.

-De todas as actuacións que se acometeron, ¿de cal está máis satisfeito o goberno?

-Hai cuestións que eran demandadas desde hai tempo ás que se lles deu resposta, coma o Casino ou o Museo do Mar. Destacaría estas dúas pola dificultade na tramitación. No Museo do Mar tardamos máis de dous anos en dar conseguido as autorizacións de Patrimonio e o triste é que a obra se vai executar máis rápido do que nos custou toda a tramitación. Porque o certo é que cando chegamos non había nada, unicamente un anteproxecto que non cumpría ningún criterio do plan de protección do casco histórico. E no Casino tamén houbo que tramitar todos os permisos. Son proxectos complexos, se non se chega a facer unha aposta clara, hoxe non estaría nada feito, e conseguimos sacalos adiante.

- ¿E cara onde vai Noia? ¿Que retos lle quedan por diante?

-Creo que hai tres eixos nos que seguir traballando. Primeiro, Noia ten unha gran potencialidade no seu casco histórico e hai que seguir insistindo en recuperar ese patrimonio, en poñer a disposición dos veciños máis instalacións con fins museísticos e culturais que supoñan un reclamo turístico e un aliciente para o comercio. Segundo, hai que seguir mellorando os servizos no polígono empresarial, e é necesaria tamén a ampliación de chan industrial. O PXOM xa o prevé, pero temos que agardar a que se aprobe antes de promover o proxecto de ampliación. E o tema medioambiental é fundamental. A ría é un motor económico e a aposta que se faga en favor do sector marisqueiro e en corrixir os problemas na rede de saneamento ten que ser unha prioridade.