«En Secretaría xubilouse todo o persoal de golpe»

La Voz

NOIA

02 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A pesar do gran volume de melloras que enumera Santiago Freire, os logros obtidos non estiveron exentos de dificultades, ben pola burocracia o polas carencias de persoal das que se vén falando desde hai xa varios anos.

-Citaba antes as dificultades de persoal coas que se atoparon cando chegaron ao goberno, ¿que perspectivas hai de solucionar ese problema?

-É incuestionable que conseguimos un volume de axudas a través de convenios moito maior do que se xestionaba neste Concello en etapas anteriores, con todas as dificultades que tiñamos en Secretaría e en distintos departamentos, porque aquí chegaron a estar ao unísono vinte e pico persoas de baixa. Eu confío en que a situación se vaia normalizando. No caso da Policía Local, as tres prazas están designadas e só falta que fagan o curso. Estivemos sacando ofertas e bolsas de emprego para técnico A2 e para auxiliares administrativos e esperamos que se vaian incorporando proximamente e que a situación se vaia normalizando. Hai que ter en conta que en Secretaría, por exemplo, xubilouse todo o persoal de golpe, entón houbo que dotalo todo de novo, e ademais nun período de tres anos pasaron por aquí cinco secretarios.

-Tamén se ten queixado das trabas burocráticas para determinados proxectos.

-A xente non é consciente do traballo que carrexa. O triste do funcionamento burocrático é que non pode ser que nun proxecto das características do Casino ou do Museo do Mar tardes dous anos en telo tramitado e dispoñer de todas as autorizacións e a licitación. Tardamos máis ás veces en sacar adiante un proceso de licitación que en facer o edificio. O funcionamento da Administración ten que ser máis áxil.

-¿E que ocorre co proxecto de Costas para reformar a fachada marítima? ¿Verase afectado por la convocatoria de eleccións xerais?

-O proxecto da fachada marítima tivo un retraso, precisamente, polas autorizacións de Patrimonio. O proxecto de Costas xa ten a aprobación definitiva e o que nos din é que non debería haber problema para executalo.