O Concello fixo unha forte inversión en mellorar e rehabilitar espazos públicos

J.M. Jamardo

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

Unha das obras importantes é a recuperación do curtidoiro de A Chaínza

02 mar 2019 . Actualizado a las 05:15 h.

Ribeira / La Voz. O goberno que preside Santiago Freire leva tres anos traballando arreo para mellorar os servizos e a calidade de vida dos veciños. O mandatario está moi satisfeito dos investimentos feitos ata o de agora e a súa intención é seguir nesa liña, pensando nos problemas que hai no casco urbano e nas zonas do rural. Unha das actuacións estrela nas que está a traballar o Concello é na rehabilitación do antigo edificio do Casino, que se destinará a un centro cultural e turístico. Ata o de agora, a inversión realizada supera os 900.000 euros.

A mítica sede do Casino é un dos edificios máis emblemáticos do municipio, pero ao desaparecer a entidade sufriu un longo período de abandono, ata que o comprou o Concello no ano 2015. A finais do 2017 comezaron as obras de rehabilitación que permitiron que o inmoble recupere todo o seu esplendor. Unha das súas xoias é a varanda de forxa que foi restaurada e conserva a madeira orixinal.

O Museo do Mar é outro proxecto no que se está a investir unha cantidade importante de recursos procedentes das arcas municipais e de subvencións. Para esta actuación hai unha partida económica de 600.000 euros e, despois de sortear varios obstáculos, entre eles a aparición dun tramo da muralla medieval, hai unhas semanas que se puxeron en marcha os traballos.

Pezas únicas

As novas dependencias deste recinto acollerán pezas únicas como é a exposición de catro motores Ayón, creados e patentados en Noia. Será, sen lugar a dúbidas, un espazo no que os veciños e visitantes poderán achegarse un pouco máis á cultura e a tradición mariñeira da bisbarra e das súas xentes.

A recuperación do patrimonio etnográfico é unha das prioridades do goberno noiés, con actuacións en diversos sendeiros e a recuperación de antigos muíños. Neste sentido, estase a traballar nunha ruta entre o Río do Porto ata Abruñeiras, e outra dende o mesmo sitio ata o lugar de A Barquiña. Neste eido tamén destaca a recuperación do curtidoiro de A Chaínza. A idea é rehabilitar un conxunto de edificios que, entre outros usos, se van dedicar a albergue de peregrinos. A intención é que nas demais dependencias se habilite un auditorio e tamén un novo conservatorio de música. A actuación comezou coa consolidación dos muros da antiga edificación.

O polideportivo do colexio de Bergondo é outra actuación que xa é unha realidade. Por parte do goberno indicaron que con esta infraestrutura se consegue aumentar a oferta dos recintos deportivos para os veciños en xeral, e en especial para os nenos. Esta mellora ten un presuposto de medio millón de euros.

Por último, a sede de Protección Civil tamén será mellorada e para iso hai prevista unha dotación de 100.000 euros.