Berenguel de Landoira e a muralla de Noia

Grazas aos privilexios do arcebispo, a vila estivo protexida durante varios séculos


Cando o arcebispo francés Berenguel de Landoira recuperou a súa liberdade despois de estar 12 días detido nas escuras celas da catedral de Santiago, onde tivo que sacrificar un cabalo para matar a fame, dirixiuse ao Castelo da Rocha Branca e logo á fortaleza do Tapal de Noia, onde permaneceu tres meses -entre outubro de 1319 a xaneiro de 1320-. O autor da obra Gesta Berengarii de Landoria archiepiscopi Compostellani ou Hechos de Don Berenguel de Landoria, Arzobispo de Santiago, acontecemento narrado por un integrante do seu séquito, contou as decisións que tomou en Noia: Despois trasladouse á vila de Noia para descansar e celebrar o primeiro concilio que tivo cos seus clérigos e onde estableceu serias censuras contra os seus inimigos.

A acollida que tivo en Noia, onde o cabaleiro Ruy Soga de Lobeira era o seu principal valedor, daría lugar a que en Valladolid, o 14 de xullo do ano 1320, o rei Afonso XI emitise un documento que, despois dun cerimonioso introito, continuaba así: «... commo los de la villa de Noia eran muy pobres et muy astragados... lles quitase por algún tiempo de pecho porque se podiese çercar la dicha villa pera mio serviçio».

Exentos de tributos

Grazas a este Real Privilexio, concedido pola Coroa a instancias do arcebispo Berenguel de Landoira, os cidadáns de Noia viron como por espazo de seis anos quedaron exentos de pagar certos tributos. Talvez a concesión se debía ao intento do prelado de gañar para a súa causa a poboación xudía que moraba dentro do casco antigo dende que o rei visigodo Sisebuto os obrigase a emigrar cara aos reinos cristiáns do norte.

A loita de Berenguel de Landoira contra os burgueses de Santiago continuou. Despois de celebrar o Sínodo en Noia, partiu para Valladolid, onde foi convocado pola Corte. En Tordesillas entrevistouse cos seus inimigos: Alonso Suárez de Deza, o infante Don Filipe e catro procuradores composteláns: Martiño Bernárdez, Sancho Sánchez, Bernaldo Peytavín e Xoán Alonso.

Cando recibiu da Coroa a promesa de que lle restituirían os privilexios sobre a cidade de Santiago, entregándolle como reféns os catro procuradores, Berenguel de Landoira regresou a Galicia. Chegou a Melide o 20 de agosto do ano 1320. Estivera oito meses ausente. Pero as portas de Compostela permaneceron outra vez pechadas. Os ventos de autonomía municipal seguían rexos.

Refuxiado no Castelo da Rocha

Nestas difíciles circunstancias refuxiouse durante trinta días no Castelo da Rocha. As negociacións entre os legados do arcebispo e os representantes dos procuradores composteláns proseguirían por espazo dunhas semanas. Nunha delas acordouse devolver a cidade ao arcebispo, pero con certas condicións. A última reunión celebrouse na Rocha Forte o 16 de setembro de 1320. A ela acudiron Alonso Suárez de Deza e dez representantes do concello de Santiago. Ningún deles esperaba que o prelado lles tendese unha celada criminal. As cabezas dos 11 burgueses roldarían polo chan. Entre os asasinados estaban os irmáns Fernán e Pedro Pérez de Andrade.

Grazas aos privilexios que conseguiu Berenguel de Landoira para Noia, a vila puido erguer a muralla de 12 portas que protexeu o seu casco histórico durante varios séculos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Berenguel de Landoira e a muralla de Noia