Ricardo Suárez: «Temos un recurso forestal que non está a ser aproveitado e é fundamental»

O noiés desenvolve un estudo sobre o traballo de cinco comunidades de montes


Noia / La Voz

Transición socioecolóxica e cambio institucional nos comunais. O caso dos montes veciñais en man común nas Rías Baixas galegas. O nome é un pouco longo, pero recolle a esencia do traballo que está a desenvolver o noiés Ricardo Suárez. Está facendo o doutoramento en Historia Ambiental na Universidad Pablo de Olavide de Sevilla e este estudo é a súa tese, coa que pretende demostrar que existen formas moi variadas de sacar rendemento aos montes: «Temos un recurso forestal que non está a ser aproveitado e é fundamental para o desenvolvemento dos núcleos rurais».

Partindo desta premisa, o seu obxectivo é claro: «Dar a coñecer que hai cousas que se poden facer no monte para aproveitalo ao tempo que se evitan os lumes». Para iso tomou como referencia o traballo que desenvolven cinco comunidades de montes galegas. Dúas delas están na comarca, as de Froxán (Lousame) e Baroña (Porto do Son), e as demais pertencen á provincia pontevedresa e son Mourente (Pontevedra), O Rosal (do municipio co mesmo nome) e Santa Cristina da Ramallosa (Baiona).

Hai unha razón para que estas cinco sexan as escollidas para o estudo, aínda que a lista de partida era moito máis ampla: «O que fixen nun principio foi tratar de coñecer a grandes trazos unha relación moi grande de comunidades e ver cales eran as súas características principais e que estaban facendo. Partindo desa lista, eliximos cales podían ser un exemplo de xeitos distintos de xestionar e aproveitar o monte». Desa selección, acabaron formando parte do seu traballo as que tiñan unhas características ou un funcionamento diferenciadores: «Son entidades diferentes, porque iso é o que intento explicar, que non hai un único modelo de monte veciñal, existe una gran heteroxeneidade».

Realidade descoñecida

Ese é o obxectivo do estudo, e a súa orixe está no descoñecemento que na súa opinión existe sobre a realidade dos bens en man común. E pon o seu propio caso como exemplo: «Eu son do centro da vila de Noia, no meu concello hai 15 comunidades de montes e eu non o sabía». Pero o seu non é un caso illado, de aí que decidira investigar sobre esta cuestión e poñer enriba da mesa o traballo que se realiza nos montes en man común. «Dous terzos da superficie galega é forestal, e desta un terzo é monte veciñal. Sendo así, sorpréndeme que non se fale disto na escola e que unha persoa con formación superior non coñeza esta realidade e non teña nin idea do funcionamento do monte veciñal».

Foi durante o máster que cursou en Sevilla cando tomou contacto co funcionamento dos bens comúns grazas a un libro de Elinor Ostrom, primeira muller en facerse co Premio Nobel de Economía, e decidiu dedicar a ese tema a súa tese doutoral. Non ten unha beca regular e dedícalle o tempo que pode, pero vai avanzando e está a piques de publicar o seu primeiro artigo científico.

Exemplos significativos

O traballo de Ricardo Suárez pretende demostrar que o aproveitamento dos montes vai moito máis alá do madeireiro e escolleu un feixe de exemplos significativos.

Da comunidade de montes de Froxán destaca o seu activismo medioambiental pese a tratarse dunha entidade moi pequena, e que o seu territorio estea recoñecido pola ONU. No que respecta a Baroña, escolleuna polo aproveitamento multifuncional da súa superficie, coa recolección de resina de piñeiro, o aproveitamento de setas e castañas ou a creación dun catálogo de petróglifos. De Mourente subliña o traballo feito para recuperar un monte que estaba abandonado e que hoxe é moi prezado e recibe multitude de visitas, mentres que a comunidade da Ramallosa fixo un dos parques arqueolóxicos máis grandes do Estado e ademais conseguiu erradicar os lumes da súa superficie coa xestión que fan das especies.

Por último, o caso do Rosal, que a diferenza dos outros exemplos ten unha extensión grandísima, pareceulle interesante pola cantidade de emprego que xera, por como reverte os seus ingresos na sociedade e por unha política de prevención dos lumes que inclúe o uso da gandaría.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Ricardo Suárez: «Temos un recurso forestal que non está a ser aproveitado e é fundamental»