M. J. «Veño ao equipo da miña casa»

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

O fillo pródigo regresa á Esteirana na procura de minutos e con gañas de seguir gozando do fútbol

08 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel José Trillo, M. J. (Esteiro, 1997) chegou a San Lázaro sendo xuvenil e marcha sendo un porteiro feito e dereito. Quen compartiu vestiario con el destaca o seu compromiso polo escudo do Noia, club que abandonou este mes para recalar na Esteirana. O fillo pródigo regresa á súa casa na procura de minutos e con gañas de seguir gozando do fútbol.

-Logo de cinco anos no Noia entendo que a decisión de marchar non foi sinxela.

-Tes razón. Levaba moito tempo no Noia e estaba cómodo, pero nestes últimos dous anos non gocei de moitos minutos e tomei esta decisión. Veño ao equipo da miña casa, onde comecei como porteiro.

-¿Como valora a etapa que pecha no Noia?

-Moi ben, sempre me trataron dunha maneira excelente. Tiven compañeiros incribles e aprendín moitísimo de todos eles.

-Segue como adestrador.

-Estou co benxamín A do Noia. As dúas partes estábamos interesadas en que así fose, non houbo ningún problema. Unha cousa non quita a outra.

-Chega a unha Esteirana que pelexa pola salvación.

-Hai bo equipo, con calidade. O fútbol da moitas voltas. Se enganchamos unha boa racha afrontaremos o que queda de liga doutra forma. Levo tres adestramentos e estou contento. Tiña ganas de volver e de reencontrarme cos amigos de toda a vida.

-¿Que lle desexa ao Noia para o que queda de tempada?

-O mellor, como non podería ser doutra maneira. A estas alturas alcanzar ó As Pontes é complicado, pero espero que acaden o ascenso directo. O grupo humano é excelente e, ademais, de calidade van sobrados. Houbo dúbidas cos resultados das últimas xornadas, pero contan con equipo de sobra para conseguir o que se propoñan.