Santiago Cruz: «Campañas tan boas coma a pasada ocorren cada tres ou cinco anos»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

O dirixente do pósito noiés defende o traballo realizado na xestión dos bancos naturais para obter bos resultados

09 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que será mañá cando a actividade frenética volva ao porto de Testal coa chegada dos mariscadores para iniciar a campaña, xa nos últimos días se veu incrementado o ambiente na dársena cos preparativos. Mentres os produtores poñían a punto as embarcacións e os raños, os traballadores da confraría facían o propio coas máquinas clasificadoras e revisaban os equipos informáticos para que todo funcione á perfección no primeiro día de actividade. Tampouco o patrón maior de Noia, Santiago Cruz, tivo parada nas xornadas previas á volta aos areais: «Andamos moi liados para coordinar todo, e aínda así sempre quedan cousas para última hora». Entre chamadas e citas para reunións e antes de saír ao mar para botar unhas boias, saca uns minutos para falar de que se espera dos vindeiros meses de traballo.

-¿Como se presenta a campaña?

-Hai bastante berberecho de terceira, hai máis babosa e xapónica tamén hai. Fina hai pouca, coma estes anos en todas as rías, pero se os prezos son bos a campaña vai saír ben, sempre e cando nos respecte a toxina, que é algo que sempre está aí. Se vén un mes de marea vermella trastoca todo, pero hai que ser positivos.

-Será difícil acadar o resultado dunha campaña histórica como foi a pasada...

-Non vai ser o do ano pasado, campañas tan boas ocorren cada tres ou cinco anos. De todos os xeitos, as perspectivas son boas sempre que acompañe o prezo.

-¿De que depende unha campaña coma a do ano pasado? ¿Depende do traballo previo, da propia rexeneración dos bancos marisqueiros ou da sorte?

-Depende de varios factores. Para empezar, de todos os traballos que se fagan, tanto de limpezas de algas coma arados e a eliminación de depredadores, que é algo que facemos todos os anos. E despois están as condicións meteorolóxicas, que afectan ao fitoplancton, á alimentación que entra na ría. Os ventos tamén interveñen, as chuvias... Hai varios factores que inflúen en que unha campaña sexa mellor ou non, pero os deberes sempre hai que facelos porque, se non os fas, vas ter peores resultados seguro. Este ano hai moitísima cría, están todos os bancos cheos, A Misela, O Freixo, as zonas de abaixo todas, e se hai cría hai futuro. Estamos moi contentos tamén por iso.

-O 70 % do berberecho que se comercializa en Galicia é de Noia, ¿cal é o segredo?

-O segredo desta ría é que hai varios ríos que desembocan nela, e o substrato, o terreo, é bo. Logo está o traballo. Hai unha xestión para evitar a sobreexplotación dos bancos, moitas veces báixanse os topes e queda máis marisco nos bancos marisqueiros, e fanse as sementeiras, sobre todo do berberecho de quinta categoría que non dá a talla. Balízase unha zona durante toda a campaña e fanse viveiros para sementar.

-O que non depende do traballo da confraría nin dos produtores son as cotizacións.

-Sempre é así, se os prezos acompañan hai boa campaña, se non é, así aínda que teñas produto bastante non sae unha boa tempada. Teñen que darse as dúas cousas, que haxa bivalvo e que o paguen ben. Demanda hai, pero os primeiros días os compradores tantean moito o rendemento do marisco. Penso que despois o prezo vai subir porque berberecho coma o de Noia non o hai, e noutras rías está desaparecido. De fóra sempre vén algún, pero é de peor calidade.