Irati García: «É bo que nunha Administración se abran as fiestras e se saque o po das alfombras»

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

A voceira do BNG participou no programa de Radio Voz «Cita co Concello»

21 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Irati García, voceira do BNG noiés, estivo diante dos micrófonos de Radio Voz nunha nova Cita co Concello, unha charla na que fixo fincapé no seu papel como oposición, tanto á hora de fiscalizar o labor do goberno como de favorecer aquelas iniciativas que sexan positivas para Noia.

?Está na complicada posición de defender a xestión do BNG no bipartito sen formar parte daquel goberno...

?Por parte dos meus compañeiros realizáronse cousas moi positivas, como foi o impulso do PXOM, pero non me doen prendas en recoñecer que determinadas cousas que, podendo terse levado a cabo, non se fixeron. Porén creo que podo estar orgullosa desa xestión. Somos humanos e creo que a xente merece que recoñezamos os erros e que nos mostremos transparentes.

?Un dos proxectos desa herdanza é o PXOM, ¿está ao tanto das últimas novidades?

?Este plan está un pouco anquilosado por determinadas deficiencias e houbo problemas á hora de tramitar a documentación. Unha das eivas máis importantes que se detectaron é a do abastecemento de auga, que parece que non está debidamente previsto. Neste sentido, dende o BNG presentamos neste mandato iniciativas relativas tanto a Pontenafonso como a Argalo, que teñen importantes deficiencias no servizo. Nestes casos en concreto, por parte da alcaldía quedouse en facer as correspondentes memorias que se poderían aportar para este PXOM, pero vemos que pasaron os meses e non foron encargadas.

?Unha ferramenta do BNG á hora de divulgar o seu traballo é unha páxina web, na que nos últimos días se viron críticas a La Feria, ¿por que xurdiu a polémica?

?Xerouse unha polémica alimentada por parte do concelleiro responsable. O que motivou esa paralización foi que a oposición fixo unha petición por escrito para celebrar unha comisión informativa, que é algo perfectamente normal. Un dos labores máis importantes da oposición é o de fiscalizar. O que se tratou de vender por parte do concelleiro responsable de La Feira foi que o feito de que pedísemos información é algo anómalo. E creo que xa é hora de que a xente tome conciencia de que é bo que nunha Administración pública se abran as fiestras e os caixóns e se saque o po das alfombras. Para iso está a oposición.