José Manuel Caamaño: «Son oito anos no club e creo que o Noia precisa de aires novos»

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

O atípico dirixente fai balance da tempada, do futuro e abre unha porta á súa marcha da entidade deportiva

23 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

José Manuel Caamaño (Lousame, 1963) é un presidente atípico. Lonxe do palco, o seu é seguir os encontros a pé do céspede. Chegou ao Noia hai oito anos, co equipo como pechacancelas de Preferente. Remontou o voo, saneou as contas, acadou dous ascensos a Terceira e unha final da Copa Deputación. Confesa que vive os seus últimos días á fronte da entidade. Só un cambio radical lle fará mudar de idea.

-Rematado o Torneo Vila de Noia, ¿cal é o seguinte paso?

-Creo que foi un éxito total. Os conxuntos quedaron encantados, queren que os invitemos o próximo ano. Unha vez que xa está rematado, toca facer unha asemblea de socios e unha convocatoria de eleccións, que serán o mesmo día, pode que a primeiros do próximo mes.

-¿Este é o seu adeus ao Noia?

-Son oito anos no club e creo que o Noia precisa de aires novos. O tesoureiro, José Luis Botana, estame rompendo a cabeza para que siga, pero a miña decisión é a de non facelo. Precísase de alguén que aporte ideas novas e lle dea un cambio ao club. Penso que quizais á xente de Noia lle gustaría un cambio. Estou seguro de que con Botana, e coa xente que ten en mente, o club vai seguir un camiño estupendo.

-Nótaselle canso.

-Levo oito anos aquí e vexo que hai cousas que se deben facer no estadio e que ano tras ano seguen atrasándose, como é o caso das gradas do campo de herba artificial ou os vestiarios, que quedaron de cambiarse e non se fixo. Temos unha empresa que quere doar maquinaria de ximnasio e non temos onde metela porque a grada está chea de chatarra e lixo. Todo che vai minando. Non hai ninguén imprescindible, pero gústame traballar cómodo. Cando eu prometo algo gústame cumprir e cando mo fan a min quero que sexa igual.

-Conseguiu que no mundo do fútbol Noia sexa un sinónimo de compromiso cos xogadores.

-Non se lle debe nada a ningún. A día de hoxe calquera pode chamar a un xogador e preguntarlle como é o Noia. Iso axuda aos corpos técnicos, porque traballar con xente que está ao día é moi cómodo. Cando rematamos a tempada, Pose recoñeceume que daba gusto estar neste club.

-A pesar da gran segunda volta non puideron evitar o descenso.

-Os resultados foron os que foron, pero nos últimos encontros os tríos arbitrais condicionáronos.

-¿Cree agora que aguantou demasiado con Jaime?

-Non, non podemos botarlle a culpa a el. Quizás interpretou o Noia como un equipo profesional e este é un club no que hai que darlle as grazas aos rapaces por vir xogar. Hai algúns que veñen perdendo cartos. Iso non o interpretou e non houbo boa sintonía. Foi un cúmulo de incidencias, chegamos á final da Copa, pero iso fundiunos, quedamos sen xogadores. Estivemos toda a tempadas con xuvenís nas convocatorias.

-Deu no cravo con Pose.

-Foi o noso primeiro candidato, pero non puidemos fichalo no verán. Logo conseguímolo. Demostramos que tiñamos equipo, pero faltounos sorte, houbo partidos nos que tivemos ocasións bastantes para gañar. Foi unha experiencia máis en Terceira.

-¿Que erros se cometeron esta tempada?

-Creo que aprendemos moito. É necesario ter un equipo máis longo e de xente comprometida. Houbo varios xogadores que, a pesar de que sempre cumprimos con eles, deixáronos tirados a metade da tempada. Temos que ser amigos, pero aparte, deben mostrar compromiso.