A historia resumida nunha escultura

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

O pasado da vila e a reivindicación do Portus Apostoli son os eixos da peza

03 may 2018 . Actualizado a las 05:05 h.

Un cruceiro situado na praza da Constitución é a proba dos actos que se levaron a cabo en Noia con motivo do 800.° aniversario da fundación da vila. A conmemoración dos 850 anos que transcorreron desde a sinatura da Carta Pobra tamén deixará unha pegada eterna, en forma da escultura situada na Porta da Vila. Trátase dun monumento de granito que fusiona as ideas de Suso Xogaina coas fendas que Alberto Rodríguez fixo a golpe de punteiro. Detrás de cada paso que deu o segundo hai un anaco da historia que foi recompilada para a ocasión polo primeiro.

Xogaina, fotógrafo de profesión e historiador de vocación, confesa que deseñar a peza non foi doado, xa que quería que fose un resumo do pasado da vila e que servira tamén para reivindicar o Portus Apostoli: «Quería que a escultura levara tódolos elementos máis representativos que se conservan da relación entre Noia e Santiago a través da peregrinación». Tomou como referencia estética a igrexa de San Martiño, eliminándolle os campanarios, e converteu as súas paredes no que el chama lenzos, que encheu dun feixe de motivos, todos cun significado concreto.

Os marcos da entrada de San Martiño e do antigo hospital de Adentro, a porta do antigo hospital de Afora, a imaxe de Santiago Apóstolo, a vara de peregrino coa súa cabaza, a frecha empregada para sinalizar o Camiño, as marcas gremiais de Santa María A Nova, unha reprodución en galego da Carta Pobra... son moitos os elementos que contén a escultura e ningún foi colocado ao azar. «O logotipo do Portus Apostoli foi feito en redondo porque pretende evocar o rosetón da igrexa de San Martiño», comenta Suso Xogaina, que engade que nin sequera o peralte que hai no lenzo central é casual: «Pretende simular a tapa dos sarcófagos que están no Museo das Laudas».

Unha cuestión sentimental

El síntese orgulloso de ter deixado a súa pegada nun monumento para a posteridade, pero asegura que a súa satisfacción é ver que o pobo empeza por fin a interesarse polo que para el é unha gran paixón: «Agora percibo que a xente coñece a historia de Noia, sabe o que é o Portus Apostoli e en que consiste a nosa reivindicación, que non é outra que o recoñecemento oficial do Camiño».

No seu caso, explica que defende esta causa con uñas e dentes por unha cuestión puramente emocional: «Quérolle moito a Noia e penso que ese recoñecemento vai ser beneficioso para a vila, non só a nivel económico, que semella que é o primeiro que se ten en conta, senón tamén cultural e turístico, pois propiciará un intercambio de xentes». Convencido de que os argumentos existentes son irrefutables, a Suso Xogaina gustaríalle que o colofón a este ano de conmemoración do 850.° aniversario fose, cando menos, un compromiso firme por parte da Xunta.

Para cando iso ocorra, el xa pensou, cando ideou o monumento, nun símbolo desa ruta a Santiago: «No lenzo da esquerda hai unha vieira grande que pertence ao hospital de Afora, que garda relación coa lenda que di que os peregrinos collían unha cuncha na que hoxe é a rúa Escultor Ferreiro cando emprendía a viaxe a Compostela. A idea é que a xente poña a man sobre esa cuncha e leve unha foto como recordo».

Simbolismo e reivindicación

Alberto Rodríguez foi o encargado de darlle forma a esta cuncha e ao resto de motivos que conforman a escultura. Tamén para el é un orgullo entrar a formar parte da historia da vila: «Foi unha gran satisfacción que pensaran en min para esta obra, sobre todo polo significado que ten». Recoñece que o pouco tempo do que dispuxo e o tamaño das pezas empregadas supuxeron os principais obstáculos que tivo que superar: «Sentín presión por ter que cumprir os prazos, o que me obrigou a traballar as fins de semana, e tamén pola dificultade que supón traballar pedras tan grandes, porque eu non son de empregar máquinas».

Aínda que a achega foi de Suso Xogaina, o artista destaca o simbolismo que encerra cada elemento da escultura como a parte fundamental do conxunto: «Para min non supuxo un reto grande, xa que o único que fixen foi tallar». Tamén el é partidario de que a reivindicación do Portus Apostoli que está detrás deste enorme anaco de granito sexa dentro de pouco un logro conseguido.