Noia viaxará no tempo ata o ano 1168

NOIA

MARCOS CREO

Catro relatores analizarán nas Xornadas da Historia o proceso de fundación da vila e a orixe do topónimo

16 mar 2018 . Actualizado a las 09:36 h.

Desde o 9 ata o 13 abril • Coliseo Noela • 20.30 horas • O 9 de abril terán transcorridos 850 anos desde a fundación da vila de Noia. Esta efeméride constituirá o eixo das Xornadas da Historia, que terán lugar o mes que vén na localidade. Da man de catro relatores, os veciños terán ocasión de viaxar no tempo para mergullarse no proceso de creación da vila, na súa orixe medieval e na procedencia do topónimo. Un espectáculo audiovisual e unha exposición completan o cartel.

O programa foi presentado onte polos coordinadores das xornadas, os historiadores Suso Xogaina e Xerardo Agrafoxo. Será este último o que se encargue do arranque do ciclo, o mesmo día no que se asinou a Carta Pobra. Falará precisamente das características dese documento, así como do contexto histórico no que viu a luz, cando existía unha estreita relación entre Noia e Santiago.

O 10 de abril tomará o relevo Clodio González, membro da Real Academia Galega e do Museo do Pobo Galego, que desvelará a orixe de dous topónimos: Noia e Santiago. Na seguinte xornada intervirá Pedro García Vidal. O xeógrafo disertará sobre a orixe medieval do Portus Apostoli, nome que lle deu o rei Fernando II á vila noiesa.

A última conferencia correrá a cargo da arqueóloga Manuela Pérez. Falará, o día 12, do Totum Bonum, denominación da vila na Idade Media, e do espazo que ocupaba.

«O periplo de Arnolfo»

As Xornadas da Historia de Noia concluirán o 13 co espectáculo audiovisual O periplo de Arnolfo, que correrá a cargo da escola de danza Oitos, dirixida por Verónica Martínez. A montaxe ten por finalidade representar a viaxe que 200 barcos fixeron no ano 1147 desde Inglaterra ata Noia.

Tanto Xerardo Agrafoxo como Suso Xogaina insistiron en que o obxectivo primordial deste ciclo de conferencias é a conmemoración do 850 aniversario da fundación da vila, ao tempo que se persegue reivindicar o Portus Apostoli como un dos puntos principais do Camiño de Santiago.