Juan Mayo: «As axudas son unha lotaría, pensas que non che toca e logo levas unha sorpresa»

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

A Deputación puxo en marcha unha serie de medidas para impulsar a creación de novos negocios

06 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Levaba tempo traballando para unha empresa de perfís de aluminio cando Juan Mayo Agraso decidiu dar un xiro á súa vida e converterse nun emprendedor. Sabía que o camiño non ía ser sinxelo, que había unha crise económica que aínda non acabara de marchar e que tería que chamar a moitas portas para conseguir axuda. Sen embargo, a sorte sorriulle e na Deputación atopou a man tendida. «Así que busquei un oficio que puidera ter saída aquí en Noia, e decidinme a abrir unha empresa de multiservizos, onde se repara calzado, se fan chaves, costuras con coiro e todo tipo de traballos con pel», enumerou o empresario.

-Acadou unha axuda de máis de 12.000 euros do programa PEL Emprende da Deputación. ¿Esta subvención animouno a saír adiante?

-Por suposto. A axuda cubre o 50 % da inversión que fas, aínda que despois sempre tes moitos máis gastos a maiores. A verdade é que non pensei que foran a darme a axuda, porque sempre oes falar de subvencións de aquí e de alá, pero non coñeces a ninguén que as recibira. Para min as axudas son unha lotaría, pensas que non che toca e logo levas unha sorpresa que non esperabas. Desde logo que foi un gran impulso para poder comezar a traballar neste proxecto.

-¿Sabía algo do negocio?

-Non tiña nin idea, pero tiven que buscarme a vida para saír adiante. Noia sempre foi unha vila de moitas zapaterías, e pensei que podería ter saída un novo negocio dedicado á reparación de calzado, e que tamén ofrecera outro tipo de servizos a maiores.

-¿Que foi o que máis lle custou?

-Pois o máis difícil foi o de facer as chaves, porque hai moitos tipos e referencias distintas. O de reparar calzado, como é moi artesanal, fun sacándoo máis ou menos ben, pero o de facer as copias das chaves custoume algo máis de tempo.

-Dicía que apostou por un oficio distinto, ¿non hai competencia en Noia de zapateiros?

-Hai un par de negocios máis, pero o meu establecemento incorpora outros servizos novos que eles non ofrecen.

-Este mes cúmprese un ano desde que puxo a andar a empresa, ¿que balance fai?

-A verdade é que non me podo queixar. Todo o mundo di que o primeiro ano sempre é de transición, que hai perdas, moitos problemas... Eu podo estar satisfeito, porque non tiven perdas e conseguín ter un soldo digno.