Manuel Blanco Ons: «Con catro escrituras é imposible sosterte»

S. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

Os letrados son o colectivo máis prexudicado ante a falta de xuízos e de sentenzas

07 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A súa longa traxectoria fala por el. Manuel Blanco Ons é un dos avogados afectados pola folga posta en marcha hai cinco semanas polos funcionarios galegos de Xustiza. A repercusión sobre o seu traballo, ao igual que para os seus compañeiros, é total. De non desbloquearse, afirma, a ameaza sobre o modo de vida de moitos deles comezaría a ser realmente preocupante.

-¿A folga é tan prexudicial como se está comentando?

-A afectación é total, vivimos nunha parálise absoluta. Non se está celebrando nada, está toda a Administración bloqueada. Na comarca acontece o mesmo. A demora nos trámites é brutal. No referente ás demandas presentadas, non se fai nada, quedan directamente bloqueadas.

-¿Cómo lle afecta este parón á cidadanía en xeral?

-Calquera folga que afecte a un servizo fundamental é prexudicial. Neste caso vaise a pagar durante moito tempo. Se por exemplo fose no sector da Sanidade, esta xa tería terminado, porque é moito máis evidente para todos. No caso da Xustiza é máis complexo, porque é algo que non se ve con tanta facilidade. Por agora aínda non se é consciente da transcendencia e isto repercute sobre todos, tanto nos avogados coma nos veciños.

-O colectivo dos letrados é un dos máis prexudicados.

-Se non temos xuízos nós non percibimos honorarios. Cae o noso medio de vida, con catro escrituras é imposible sosterte. Ao final parece que somos os avogados e os procuradores os que peor parados saímos, aínda que non esteamos implicados directamente.

-¿Como cre que se pode desbloquear este conflito?

-Non sei cal é a solución correcta. Non me poño de ningunha das dúas partes, pero o que está claro é que ao mellor o máis axeitado está nun termo intermedio.

-¿A que tarefas se están dedicando actualmente?

-Estamos facendo trámites extraprocesais, reunímonos con clientes para tratar dunha forma máis pausada os seus casos e intentamos axilizar negociacións que ían lentas. Hai moito traballo oculto que sacamos adiante, pero estamos preocupados por coñecer como vai a rematar isto.

-¿Teñen algún cliente ao que lle afectase a folga directamente?

-Estamos á espera de que nos notifiquen unhas seis sentenzas. Sen embargo, hai xente que ten unhas indemnizacións no xulgado que non pode recoller.