Coral Polifónica de Noia: Corenta anos de voces anxelicais

Antón Parada RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

marcos creo

A presidenta da agrupación, Dolores Rodríguez, analizou o legado musical desta e convidou a todos os amantes do canto a que se animen a formar parte do proxecto

14 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Corría o 1975 e, baixo a dirección do padre franciscano Luís Paz Santos, nacía a Coral Polifónica Liceo de Noia, integrada no seo desta sociedade. Aquel sería o xermolo dun proxecto musical que, dous anos máis tarde, florecería no marco da primeira Semana Musical de Noia, xa dirixida pola batuta de Domingo Barreiro. Eses foron os primeiros pasos da actual Coral Polifónica de Noia, unha agrupación que o pasado venres cumpriu a cifra nada desprezable de catro décadas de traxectoria sonora.

A actual presidenta da agrupación, Dolores Rodríguez, pasou polos micrófonos de Radio Voz Barbanza para relatarlles aos oíntes a evolución e historia da coral da que é responsable dende hai un lustro. A outiense, e noiesa de adopción, tivo unhas sentidas palabras de agradecemento para a vicepresidenta, María del Carmen Barreiro, á que relevou neste cargo.

A renovación

«A coral estivo en constante evolución, por exemplo co paso de novos directores, como Prudencio Romo, e sempre foi renovándose ao traer a xente nova», explicou Rodríguez, que fixo un especial fincapé na necesidade de manter esta serie de cambios para garantir o futuro e legado do colectivo. «Imos tendo unha idade e será necesario que se incorporen novos integrantes para recompoñernos, ademais, en Noia sempre houbo unha base de músicos moi importante», indicou a responsable da coral noiesa.

«A día de hoxe, a formación está composta por catro voces: baixos, contraltos, sopranos e tenores», expuxo a presidenta, para puntualizar que onde notaron sempre maior carencia foi no apartado masculino. Precisamente, o grupo está aberto a incorporacións que serán recibidas sen grandes requisitos, xa que «se un pon interese, por suposto que se aprende sen impedimentos, ademais o director entrégase moito con nós».

Así e todo, nestes momentos os integrantes contan cunha batuta privilexiada. Manuel González García, profesor no conservatorio Felipe Paz Carbajal, leva preto de 22 anos ao cargo da coral noiesa, máis da metade da súa historia. Porque o segredo da continuidade da Coral Polifónica de Noia parte do feito de que un grupo tan numeroso, e formado por distintos tipos de persoas, comparta a mesma paixón pola música.

Por outra parte, González García é o artífice que confecciona cada repertorio e a súa estrutura e, polo tanto, sempre ten a última palabra. Non obstante, Dolores Rodríguez comentou que a maioría das veces sempre se ten en conta a opinión dos integrantes para un posible engadido ou matiz, un factor a valorar que di moito do profesional.

Rol de organización

Esta agrupación forma parte da rede cultural da Deputación da Coruña e da Federación Coral Galega (Fecoga), que a leva a participar en diversos intercambios ao longo do ano, como a estancia que teñen esta fin de semana en Portugal, concretamente na zona da serra da Estrela.

«Cando pedimos a colaboración doutros grupos en calquera tipo de iniciativa que organizamos, Noia sempre respondeu», expresou Dolores Rodríguez. Ás 41 edicións da Semana Musical de Noia súmanse outros actuacións anuais como o tradicional do Día das Letras Galegas ou o concerto benéfico que realizan dende hai dous anos, e que tivo que ser posposto para finais de xaneiro. Este último está destinado a recadar fondos para a Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (Asgpoh) e a investigación desta rara doenza.

O certo é que durante a celebración da pasada Semana Cultural de Noia, os integrantes da coral foron arroupados por un numeroso grupo de veciños que asistiron unha vez máis a outra desas probas viventes de que os noieses levan, indiscutiblemente, unha partitura inscrita nos xenes.