O artista que cada mes de maio se transforma nun escritor ilustre

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

<span lang= gl >O artista con algúns elementos empregados nas montaxes onde empezou, na Tasca Típica</span>.
O artista con algúns elementos empregados nas montaxes onde empezou, na Tasca Típica. Marcos creo

Serafín Marcos leva 13 anos divulgando a obra dos homenaxeados polo Día das Letras Galegas

25 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Compaxina a súa faceta de músico, exercendo de mestre no conservatorio de Noia, coa de artista especializado nas performances, que tanto é capaz de converter o Cantón noiés nunha alfombrada praza de estar na que se suceden as visitas e as conversas, como de colocar un posto para cortar e vender follas mortas dunha planta que dá moito de si. Pero, cando se achega o mes de maio, Serafín Marcos transfórmase nun escritor ilustre. Leva nada menos que 13 anos afondando na vida e na obra dos autores homenaxeados polo Día das Letras Galegas para achegar a súa figura, sobre todo, ás novas xeracións.

Todo comezou na Tasca Típica, o ano no que a Real Academia Galega elixiu a Antón Avilés de Taramancos para a distinción do 17 de maio. Serafín Marcos coñecía a súa obra e incluso tivera algunha que outra conversa con el, polo que non lle foi complicado montar un espectáculo que, nun principio, ía quedar reducido a aquel bar sempre ligado coa cultura. Pero, primeiro foi unha mestra do colexio de Pino de Val que presenciou a representación a que requiriu a súa presenza no centro, e despois foi a editorial Galaxia a que chamou ao artista noiés para apoiar os seus actos do Día das Letras.

Desde entón ata agora, Serafín Marcos tense transformado en trece escritores, pois hai uns días ofrecía xa as primeiras montaxes inspiradas en Manuel María. Asegura que algúns deixaron nel unha fonda pegada: «O ano de Avilés gustoume moito, quizais porque o coñecía persoalmente e sabía da súa obra. Logo, teño que destacar tanto a Uxío Novoneyra como a Lois Pereiro, pois non profundara con anterioridade nos seus textos, pero engancháronme».

Espectáculo ameno

Recoñece que atopou serios atrancos para transmitir o legado de Ramón Piñeiro: «El falaba sobre todo da filosofía da saudade e contarlle iso aos rapaces non é doado». Porque o artista noiés non se limita a impartir unha charla, nin moito menos. Nos seus espectáculos hai risas e interactuación continua co público: «Sempre tento que os rapaces vexan ao escritor coma unha persoa achegada, que se sintan identificados con algún elemento que lles resulte familiar».

No caso de Manuel María non o tivo excesivamente complicado, pois boa parte dos seus poemas están dirixidos aos nenos. Da prolífica obra do autor de Terra Chá, Serafín Marcos quedouse coa que o sitúa no seu entorno, «para tratar de colocar aos rapaces na zona xeográfica», e coa que reflicte o compromiso que tiña co galego. De feito, a performance comeza cunha interrogación relacionada co idioma: «Partindo dos meus apelidos, Fernández Villanueva, pregúntome se son galego».

A partir de entón, e coa axuda de diferentes elementos visuais, o artista métese de cheo na pel de Manuel María e mesmo recorre a versos de outros escritores homenaxeados con anterioridade, como Novoneyra, para ilustrar ao auditorio. Incluso lles entrega aos presentes un poema con versos dos dous para que, de regreso á aula, adiviñen a que escritor corresponde cada un.

Antes da despedida, Serafín Marcos lanza unha mensaxe e despeza a incógnita do comezo: «O idioma é a chave coa que abrimos o mundo, o idioma é a vida, o idioma é a patria, se perdemos a fala non seremos ninguén. Se galego falo, galego son de corazón».