Música, humor e cine converterán as rúas de Noia nun fervedoiro cultural

María Piñeiro

NOIA

O sábado ponse en marcha o programa Rúas Vivas, iniciativa que persegue a dinamización cultural da localidade

09 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

As rúas de Noia esperan estes meses de xullo e agosto un rebulir de xente e actuacións. O sábado ponse en marcha o programa Rúas Vivas, iniciativa que persegue a dinamización cultural da localidade. Na axenda non faltarán actividades relacionadas coa música, o cine e o teatro.

A Consellería de Cultura de Noia planificou este ano máis de 25 propostas, na súa meirande parte concertos e monólogos.

 O humor terá cabida na praza do Cantón e correrá a cargo de caras tan coñecidas como Touriñán (24 de xullo), Quico Cadaval (31 de xullo), Pedro Brandariz (7 de agosto), Sergio Pazos (14 de agosto) ou Celso Fernández Sanmartín (21 de agosto). 

A música virá da man da Banda Municipal de Noia, a cal harmonizará dous domingos de cada mes. Durante o resto da semana tamén se poderá gozar de concertos en diferentes puntos do municipio.

Diversidade de artistas

Estas actuacións terán como protagonistas a diversidade de grupos e artistas, como Embrio ao Vivo, Vaamonde, Lamas, Romero, Chiña, Coanhadeira, Thais, Guadi Galego ou Pandeiromus. A localidade acollerá, ademais, a segunda edición do Festival de Arpa, do 4 ao 6 de agosto, polo que os motivos musicais dominan nesta oferta. 

Para aqueles que desexen unha actividade máis relaxada, teñen unha cita coas estrelas a través das observacións astronómicas no paseo marítimo. Os máis cinéfilos tamén contarán con varias noites de cine no Curro.

E atención aos pequenos da casa, porque a Titirinoia regresa do 12 ao 16 de agosto, un ciclo que contará coa presenza dunha serie de compañías galegas e de fóra da comunidade. Nesta edición poderase gozar de tres días de espectáculos, monicreques e teatro.

A novidade máis importante con respecto ao ano pasado está destinada tamén aos cativos. 

Trátase de Pistacatro, o circo que de seguro debuxará máis dun sorriso nos nenos, e non tan nenos, a través das súas actuacións Impreuna e Ekilibua que terán lugar unha vez ao mes na Alameda.