O Liceo noiés pedirá o Día das Letras 2016 para Fabeiro na Semana da Historia

NOIA

Óscar Prego fará oficial a proposta o sábado, na presentación do número da revista «Alameda» dedicado ao escritor

07 abr 2015 . Actualizado a las 05:05 h.

Hai xa un tempo que se veñen realizando movementos desde Noia para tratar de conseguir que a Real Academia Galega compense o intenso traballo realizado por Manuel Fabeiro Gómez dedicándolle o Día das Letras Galegas do vindeiro ano. Pero a proposta, que está liderada polo Liceo, farase oficial o sábado, coincidindo co arranque de unha nova edición, a sétima, da Semana da Historia, que se prolongará na localidade ata o día 18.

Será o presidente do Liceo de Noia, Óscar Prego, o que se encargue de dar a coñecer o contido da proposta: «Basicamente, na petición insístese nas distintas facetas nas que destacou Manuel Fabeiro, como historiador, como escritor e incluso como colaborador da sociedade». Prego tamén aproveitará para presentar un novo número, o 48, da revista Alameda, que está dedicada integramente a Fabeiro.

Con esta publicación, a entidade noiesa quere reforzar a petición diante da Real Academia Galega. De feito, aínda que non se fará oficial ata o sábado, Óscar Prego comentou que o Liceo xa se puxo en contacto coa institución encargada da selección dos distinguidos co Día das Letras Galegas: «Enviámoslle unha solicitude xunto con varios exemplares da revista Alameda. Pensamos que pode ser un bo apoio, xa que nesta publicación, distintos colaboradores analizan os eidos de actuación de Fabeiro».

A primeira xornada da Semana da Historia de Noia, que terá lugar ás 19.00 horas na casa de cultura da vila, completarase cunha charla do filólogo Xoán Pastor Rodríguez sobre a vida e a obra de Fabeiro e coa intervención do artista local Alfonso Costa, encargado de ilustrar a portada da revista Alameda cun retrato do homenaxeado.

Oito conferenciantes

O ciclo de conferencias, que está organizado polo Concello noiés e pola asociación cultural Barbantia, continuará o luns co relatorio da arquitecta Rosana Guerra Pestonit, que falará dos arcos, bóvedas e cúpulas das igrexas da vila. Ao día seguinte collerán o relevo a xeógrafa Maite Sobradelo Creo, para disertar sobre as minas de San Fins, e o investigador Manolo do Río, para referirse á revolución galega de 1846 en Noia.

Pedro García Vidal disertará o día 15 sobre o urbanismo de Noia desde o 1974 ata a actualidade, mentres que Manuela Pérez e Clodio González protagonizarán a sesión do 16 con sendas charlas sobre a guerra dos argazos de 1640 e as pontes de Noia. O día 17 será Felipe Senén o que se dirixa ao público co relatorio Noia: porta e porto de Compostela.

A sétima edición da Semana da Historia noiesa chegará ao seu fin o día 18 da man do filólogo Xavier Castro, coa súa intervención Singraduras e derrotas do Quechemare.