A poetisa que enfeitiza as ondas

NOIA

Leva publicados cinco libros e cumpriu 25 anos no espazo radiofónico «Diario cultural»

01 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A semente que en Noia deixaron grandes escritores e persoas vinculadas ao mundo da cultura segue a dar os seus froitos. Naqueles faladoiros que Avilés de Taramancos montaba na súa Tasca xermolaron grandes plumas como Ana Romaní. Ela, que de cativa empezara a xogar coas palabras argallando versos nos seus cadernos e de adolescente se lanzara xa a publicar nalgunha que outra revista e a concorrer a certames literarios, obtivo no emblemático bar o empurrón decisivo: «Avilés foi moi importante para min, porque me involucrou no eido literario e tamén me animou a publicar o meu primeiro libro».

Ana Romaní tiña 25 anos cando vía a luz Palabra de mar. Aínda que recoñece que sempre tivo unha gran paixón pola lectura, a noiesa non acerta a lembrar cando comezou o seu idilio coas rimas: «Só sei que sendo unha cativa adoraba a obra de Rosalía de Castro. Non sei como chegou a min o libro, só que o atopei na casa por casualidade e quedei prendida del». Co paso do tempo, decatouse que a poesía era a única arma que tiña ao seu alcance para entender o mundo: «Era para min como unha vía de revelación, unha forma de coñecemento que ía máis alá do visible».

 

 

Salto á comunicación

 

Sendo xa presa do arte da palabra, Ana Romaní tentou á sorte matriculándose na Facultade de Medicina, pero non foi quen de estar máis de dous anos en contacto coa realidade máis crúa: «O que realmente me interesaba era a psiquiatría, o que ten de coñecemento a condición humana; pero a dor, a enfermidade... enfrontarme a iso custábame demasiado».

Escribindo e publicando, a noiesa decátase da necesidade de que a palabra saia dos libros. É entón cando se empeza a interesar polos recitais ou, como ela os cualifica, espectáculos poéticos: «Sempre me interesou a interacción co público». Quizais por iso, Ana Romaní atopou na radio o seu lugar no mundo: «É para min unha paixón, un espazo de experimentación artística. Ademais, é un medio que ten moita conexión co poético a través da palabra, do son».

Desde a atalaia na que está desde hai 25 anos, o espazo Diario cultural que se emite na Radio Galega, é testemuña fiel de todo o que acontece no eido cultural de Galicia. Como escritora e como espectadora desde un lugar privilexiado, non ten dúbidas ao falar dun negro momento: «Vivimos desde a euforia ilusionante do todo por construír que viña dos 80, da necesidade de consolidar unha cultura propia, á desolación de agora de ver como eses piares aniñan na parálise».

 

 

Novo escenario

 

Como loitadora que é polos seus ideais, Ana Romaní pensa que é posible regresar ao camiño que é preciso percorrer para recolocar a cultura galega no seu lugar: «É un tempo no que a dificultade, o conflito e a desolación poden abrir paso á necesidade de repensar moitas cousas, de reconfigurar escenarios».

Ten claro que semente coma a de Noia está espallada por toda a comunidade: «A nivel creativo, vivimos un momento moi interesante». Pero pensa que chegou o momento de abrir o ás veces demasiado pechado eido cultural: «Hai que pensar no colectivo, no participativo, no comunal; analizar a condición de cultura como espectáculo, como obxecto de consumo».

Para ela, polo menos nestes intres, as ondas son ese campo de actuación colectiva. Asegura que a radio lle require tanta dedicación que a obriga a deixar desatendida a súa outra gran paixón, escribir. De feito, despois de cinco libros de poesía publicados e algún que outro relato, non ten entre mans obras novas. Pero recoñece que estas poden xurdir en calquera momento, pois as portas da palabra seguen abertas: «Non fago un traballo literario constante, cada certo tempo escribo e sae un libro».

ana romaní

escritora e xornalista