Costa desvela os segredos do gravado a 35 alumnos

BORJA OUJO / A.?G. RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

Este ano imparte a décimo novena edición do seu curso en Noia e ensina unha nova técnica para esta disciplina

26 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O pasado día 21 comezou unha nova edición do curso de gravado dirixido polo artista Alfonso Costa. As clases finalizarán o 1 de agosto. Este ano matriculáronse na iniciativa 35 persoas. «Outras veces tíñamos 50 alumnos, pero como subimos en dous anos o límite de idade baixaron os inscritos», explicou o mestre. Esta medida tomouse debido a que os máis pequenos, a pesar do seu interese, non aproveitaban as clases todo o que poderían.

Esta, xa tradicional, proposta estival impártese no Liceo de Noia, como é costume. «O segredo para que este curso se manteña durante dezanove edicións é o satisfeitos que quedan os alumnos», comentou Alfonso Costa. Aínda así, lembra que nos comezos non tiñan moi claro que a iniciativa tivese éxito, pois o gravado é moi diferente á pintura. Este ano inclúe unha importante incorporación, o uso dunha nova técnica. Esta consiste no emprego de soportes, táboas, para poder pintar sobre elas. Ao imprimir o papel neste material o resultado é similar a un cadro. A pesar de que inclúen esta forma distinta de traballar, tamén se impartirán as clásicas técnicas.

Asistentes galardoados

Entre os asistentes ao curso destacan varios que xa foron premiados tanto a nivel nacional como internacional polas súas obras. «Algúns dos alumnos que temos expuxeron os seus gravados por todo o territorio español», comentou o prestixioso artista. «Sobre todo son mulleres que levan vindo varios anos», explicou. Falando sobre o perfil do asistente, o mestre relata que, normalmente, nos grupos dos adultos hai mais mulleres ca homes; mentres que nos pequenos teñen a mesma presenza.

Ademais, Costa afirmou que sempre consegue aprender moito dos seus alumnos. «Trato de sacar todos os coñecementos que podo deles e, por suposto, eles tamén os sacan de min». «Os resultados que eles obteñen nos seus traballos sérvenme como investigación», concluíu o artista barbancés.