«Sería un erro histórico deixar que a carpintaría de ribeira se extinguira»


Ademais de encabezar o comité organizador do encontro, Gerardo Triñanes é o presidente de Agalcari e pouco menos que unha institución á hora de falar das embarcacións tradicionais e da carpintaría de ribeira, un oficio que, defende, ten que mirar cara o futuro. Diso tamén se falará no marco da cita que terá lugar en Cabo de Cruz en xullo do ano próximo.

-Cada encontro de embarcacións tradicionais ten unha temática concreta, ¿cal é a que propoñen vostedes?

-Neste caso un dos eixos será a arqueoloxía, a través do castro do Achadizo, que está no mesmo porto de Cabo. Queremos dar a coñecer os nexos de unión dos habitantes dese asentamento co mar. Outro dos eixos será o de documentar e recuperar unha embarcación tradicional, o sancosmeiro, que era propio da zona de Noia. Desapareceu, non queda ningún exemplo, e trátase de que non se perda ese saber facer dos carpinteiros de ribeira; é moi importante conservar as técnicas construtivas. Outro dos obxectivos dos encontros é devolver a conciencia ecolóxica para fomentar a construción nun material natural como é a madeira, que ademais a temos aquí, en Galicia, e que coas novas técnicas para o seu mantemento ten grandes vantaxes. Non se trata só de dar a coñecer a historia deste oficio senón tamén a posibilidade de proxectalo no futuro cun pleno sentido produtivo.

-No marco da ampla programación desde evento tamén terán cabida as xornadas de construción naval en madeira, ¿que tema tratarán?

-Seguiremos insistindo no mesmo, que non morra a actividade. O positivo é que imos poder traer xente doutros países para que nos conten a súa experiencia na construción e tamén na formación regrada do oficio.

-¿Noutros países estúdase para ser carpinteiro de ribeira?

-Si, hai escolas para a formación de carpinteiros de ribeira; aquí é ao revés, o oficio está desaparecendo. É un patrimonio da sociedade, esta profesión non se debería extinguir, sería un erro histórico. Esta corrente de poñer en valor as embarcacións tradicionais chegou a Galicia un pouco tarde con respecto a outros países europeos. Non sei por que, paradoxicamente vivimos de costas ao mar. Por iso queremos potenciar ese patrimonio material e inmaterial.

Votación
1 votos

«Sería un erro histórico deixar que a carpintaría de ribeira se extinguira»