«Non podemos deixar morrer a extraordinaria cultura galega»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

SIMÓN BALVÍS

Chama á loita pola recuperación das tradicións

09 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Un grupo de noieses unidos polo afán de recuperar a cultura tradicional veñen de poñer en marcha a asociación A Devesa. Trátase dunha entidade que nace con vocación de ser, sobre todo activa. De feito, o único requisito que se esixe para ser socio é formar parte dun dos gremios, como deron en chamarlle aos distintos grupos de traballo creados. Da coordinación de todos eles encárgase Lois Agrelo.

-¿Como xorde o colectivo A Devesa?

-A asociación xorde pola necesidade que vemos de recuperar a cultura tradicional que, debido á globalización, se está perdendo. Cremos que unha identidade singular como a galega paga a pena conservala e potenciala.

-E o nome, A Devesa, ¿a que fai referencia?

-Elixímolo porque, tradicionalmente, era así como se denominaba un espazo de propiedade común, no que se levaban a cabo tarefas de forma conxunta. Tamén tiña carácter defensivo, de refuxio.

-¿Con que pretensións nace esta entidade?

-Non é a típica asociación dedicada a organizar exposicións e presentacións de libros, que tamén o imos facer, pero o que queremos é conseguir que os socios sexan activos, que traballen pola recuperación e potenciación da cultura tradicional. De feito, todos os membros están obrigados a sumarse aos gremios.

-¿Que gremios se puxeron en marcha?

-Temos un de recuperación da microtoponimia, que leva implícita tamén a investigación de costumes, crenzas e mitos. Outro gremio está vinculado coa ecoloxía e os seus membros pretenden promover a recuperación de fragas e soutos con plantacións. Tamén hai un grupo que traballa na posta en valor do patrimonio arquitectónico e outro, na recuperación das celebracións tradicionais.

-¿É un grupo aberto?

-O eido de actuación, nestes intres, é Noia. Polo de agora somos sobre vinte veciños, pero o número vaise ampliando continuamente, xa que estamos empezando. Trátase de ser cantos máis mellor e poden sumarse todas as persoas que queiran, sempre e cando se comprometan a traballar. O fin último non é outro que gozar facendo un labor interesante.

-Aínda que veñen de poñer en marcha estes gremios, ¿hai xa actividades concretas enriba da mesa?

-A primeira actividade pública que imos facer será o vindeiro mércores e consistirá nun acto de conmemoración do 150 aniversario de Cantares gallegos. Imos levar a cabo unha lectura de poemas e imos colocar unha frase, que vai ser unha sorpresa, entre os bustos de María Mariño e Avilés de Taramancos.

-Os gremios, ¿xa están a pleno rendemento?

-Si, estamos traballando e imos colgar un blog no que daremos conta de todo o que se vaia facendo. O máis urxente para nós é o traballo de catalogación, xa que a medida que pasa o tempo se perden as testemuñas. Queremos, por exemplo, sinalar nun mapa as fontes das aldeas.

-¿Fuxe a asociación do carácter reivindicativo?

-Somos reivindicativos no aspecto de que consideramos que non podemos deixar morrer a rica e extraordinaria cultura galega. Sería unha mágoa.

-Pero, a nivel municipal, ¿van involucrarse na problemática noiesa?

-No eido que nos competa, si. Por exemplo, presentamos un escrito no Concello para que, á hora de elaborar o plan xeral, se teñan en conta os elementos patrimoniais do municipio e se protexan.