Un traballo sobre a lírica galego-portuguesa gaña o Premio de Historia Medieval

Marta Gómez Matalobos< / span> RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

18 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Cumprindo coa tradición instaurada cando se crearon os galardóns, onte, 17 de decembro, deuse a coñecer o título da obra gañadora da undécima edición do Premio de Historia Medieval de Galicia. Nesta ocasión, o traballo elixido polo xurado trata a lírica galego-portuguesa e está escrito por un vigués.

A casa de cultura de Noia foi o escenario no que o xurado, presidido por Henrique Monteagudo e composto por Xerardo Agrafoxo Pérez, Clodio González Pérez, Pedro García Vidal e Marcos Fernández Ferreiro, deu a coñecer a obra galardoada con este premio que se concede anualmente. A nobreza na poesía lírica galego-portuguesa é o título dun traballo escrito por Antonio Rey Somoza, filólogo afincado en Santiago, no que se explora a información que ofrece sobre a época o cancioneiro trobadoresco galego-portugués e as Cantigas de Santa María de Alfonso X o Sabio.

O xurado destacou, tras facer pública a súa decisión, o carácter interdisciplinar da obra gañadora «ao mostrar a utilidade da exploración dos textos literarios como fonte de información histórica». Neste sentido, subliñan os datos obtidos sobre o modo de vida nobiliaria, a rigorosa estratificación da sociedade, os ideais e actitudes da nobreza e a relixiosidade.

Principios de ano

En canto á entrega do Premio de Historia Medieval de Galicia, organizado pola editorial Toxosoutos e os concellos de Noia, Muros, Outes, Porto do Son, Lousame e Carnota, terá lugar no primeiro trimestre do vindeiro ano. A data está por concretar porque, antes dese acto, debe editarse a obra gañadora, pero a previsión é que Antonio Rey poida recoller o galardón entre finais de febreiro e comezos de marzo.