«Estremas» é o título desta obra que, segundo a editorial, «podería ser o comezo dun diálogo entre corpo e lingua»
04 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Con paisaxes exipcias e tamén con furia está escrito o máis recente poemario de Ana Romaní (Noia, 1962), publicado na colección Dombate da Editorial Galaxia.
Estremas é o título deste libro que, segundo a editorial, «podería ser o comezo dun diálogo entre corpo e lingua». O libro fai un percorrido polo coñecido como val das Baleas en Exipto (Uadi Al Hitan), un espazo no que se encontraron restos de baleas, que hai millóns de anos era o fondo dun océano e que na actualidade é un deserto. Nese territorio, a poeta «percorre a memoria dun soño, procura os lindes da súa perda, escava e abeira á procura dunha nova posición, doutro lugar». Segundo o crítico literario Ramón Nicolás, este novo libro de Ana Romaní «érguese como un desafío, como un reto interpretativo para quen o le». Sinala Nicolás que o libro sitúa ao lector «en espazos limítrofes, fronteirizos, periféricos», cunha «unha voz aceda, acaroada ao espírito reivindicativo».