Alberto Gallardo, de Capital Voskov: «Ser de Muros é unha lousa que creo que nos vai pesar»

MUROS

De esquerda a dereita, os integrantes Alberto Romero, María Galdón, Sergio González, Nicolás Cotelo e Alberto Beiró. Debaixo, Alfonso Gallardo.
De esquerda a dereita, os integrantes Alberto Romero, María Galdón, Sergio González, Nicolás Cotelo e Alberto Beiró. Debaixo, Alfonso Gallardo.

A formación coruñesa gaña peso na música galega sabéndose parte dunha canteira repleta de talento e iniciativas

18 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Alberto Gallardo (Muros,1992) afirma que o crecemento do seu grupo, Capital Voskov, está a ser chanzo ba chanzo. Sen présa, o estar a facer sobre un terreo fértil e próximo á Costa da Morte, fogar de bandas prolíficas como The Rapants. Lonxe de valoralo como unha responsabilidade, aproveita —cunha forte gheada— para dicirlle ao público do seu próximo concerto (Boiro, 6 de novembro) que non perdan nunca de vista os proxectos máis próximos.

—Son unha banda que naceu en Muros, como inflúe a paisaxe da Costa da Morte na súa música?

—Non sei se é a idiosincrasia ou a paisaxe, pero moitas das nosas cancións xurdiron de invernos longos. Acábache afectando. Para ben, digo. Onde naces, con quen te crías...É moi importante.

—No disco «Abrir el juego» conviven o galego e o castelán. É sinxela a convivencia lingüística á hora de compoñer ou pode facer as cousas máis difíciles?

—Realmente non é algo que busquemos, xorde de algo moi orgánico. Nós criámonos escoitando Los Suaves, Extremoduro, Marea, Forraje... O paso normal foi empezar a escribir os temas en castelán. Intentabamos moito escribir en galego, pero non nos acababa de convencer. Coa canción Edimburgo deste disco foi a primeira na que nos convencemos e probamos. Agora estamos facendo moitos temas en galego (risas), pero dános exactamente igual se é en castelán.

—Entre outros ingredientes, no álbum converxe o indie con matices electrónicos. Como foi engadir a este quebracabezas a idiosincrasia de seis músicos?

—O ideal sería que fósemos un (ri). Selle preguntas a cada un cales son as súas referencias ou qué é o que máis escoita, acabarías un pouco tolo. Con todo, á hora de decidir que se mete ou non resúltanos sinxelo porque todos temos metido na cabeza o directo. Sempre pensamos qué pode ser o máis bonito que poderiamos facer. Case todas as nosas decisións son pensando no directo.

—Como vocalista principal, encárgase de dar voz aos conceptos da banda, que emocións se vos fan máis cómodas de transmitir?

—Mátame camión. Esta non é unha pregunta que tivese que responder eu, senón a xente que nos escoita.

—Vale como resposta.

—A ver, non somos o típico grupo festeiro e tampouco falamos todo o tempo de amor. Ao final, o que fai de denominador común para todas as nosas cancións é o poñerse en dúbida. Replantexarse. Ao final, son batallas contra un mesmo.

—Están a crear un novo disco e xa presentaron un adianto baixo o título «Baixo a chuvia», van seguir a mesma senda sen etiquetas do anterior ou experimentan con algo novo?

—Eu diría que case que imos facer cousas distintas, pero igual dende fóra non se vai notar moito. En Abrir el juego puxemonos regras internas autoimpostas como, por exemplo, non meter harmonías de coros ou solos de guitarra longos. Agora é un pouco o contrario e queremos facer o que nos saia do carallo. Realmente non vai cambiar nada moito, o estilo seguirá sendo o mesmo.

—O próximo 6 de novembro actúan en Boiro, queren aproveitar para deixar unha mensaxe aos asistentes?

—Moitas veces nos obsesionamos con tres ou catro nomes e esquecémonos de que hai proxectos por aí que son incribles. Hai que coidar as salas que máis preto teñan da casa.