Están integrada por catro conferencias e desenvolveranse entre o mércores e o sábado
06 oct 2026 . Actualizado a las 14:57 h.Este mércores arrancan en Muros as terceiras Xornadas da Historia, un ciclo de conferencias que permitirán aos veciños mergullarse no pasado do municipio. Ao longo destas catro xornadas haberá relatorios a diario, na Fábrica de Sel, que comezarán ás 20.00 horas.
O primeiro correrá a cargo de Josefa Fernández e María Mayo, técnicas do Concello de Muros, que farán un repaso dos documentos máis importantes do arquivo histórico municipal. A charla coincidirá coa apertura dunha exposición composta por unha selección de ditos escritos, dos que se amosarán copias. Antes das súas intervencións haberá un acto de inauguración oficial das xornadas a cargo da concelleira de Cultura, Caridad González.
O xoves volverá a tomar a palabra María Mayo. Nesta ocasión, disertará sobre as singularidades da Semana Santa de Muros.
O venres será o historiador e escritor Santiago Llovo o que se achegue á localidade para analizar o período de esplendor das fábricas de salgadura e as industrias conserveiras que funcionaron no municipio.
As xornadas chegarán ao seu fin cun relatorio de Manuela Lariño, restauradora e conservadora de bens culturais, que disertará sobre as capelas portátiles e a súa salvagarda. Trala charla, terá lugar unha intervención musical a cargo de Rafa Fernández (guitarra acústica) e Benjamín Otero (oboe).
Margarita Novo Malvárez, doutora en Historia da Arte pola Universidade das Illas Baleares, será a encargada de conducir as catro sesión que conforman o programa desta edición das xornadas.
Sobre os relatorios elixidos para esta ocasión, Caridad González destacou que «o principal obxectivo destas xornadas é poñer en valor o noso patrimonio histórico e cultural, incidindo na importancia de coñecer as particularidades da nosa vila da man da veciñanza». Por iso, a concelleira de Cultura animou aos veciños a acudir ás conferencias.