A actual rexedora anuncia a súa intención de encabezar de novo a lista do BNG no proceso interno da formación
08 abr 2026 . Actualizado a las 12:37 h.A actual alcaldesa de Muros, María Lago, anunciou que volverá optar á candidatura do BNG para as eleccións municipais do 2027. A decisión prodúcese despois de que a asemblea local nacionalista acordase abrir o proceso interno para escoller á persoa que encabezará a lista na vindeira cita coas urnas.
A resolución definitiva quedará en mans da militancia do BNG de Muros, que será a encargada de elixir a persoa candidata nunha asemblea convocada para finais deste mes de abril. Lago explicou que dá este paso co obxectivo de revalidar a confianza da organización e continuar traballando polo concello desde un proxecto político que considera «sólido, útil e en pleno crecemento».
«Quero seguir facendo posible o proxecto que o BNG ten para Muros. Un proxecto que non é só unhas siglas, senón unha forma de entender o noso concello, o noso país», sinalou a rexedora. Lago puxo en valor o traballo desenvolvido desde a alcaldía nestes anos, marcados pola aprendizaxe e a consolidación dun proxecto colectivo.
A alcaldesa incidiu en que a súa decisión parte da convicción de que o proxecto nacionalista ten utilidade para a maioría social. «Sinto orgullo do camiño andado, pero sobre todo sinto responsabilidade e ganas de continuar. Porque sei que aínda temos moito por facer, moito por mellorar e moito por avanzar», expresou.
Vocación de futuro
Lago enmarcou este anuncio nunha etapa de fortalecemento e incorporación de novas persoas á organización. Segundo a rexedora, Muros precisa afondar nun modelo de goberno próximo e comprometido coas necesidades reais dos veciños, capaz de seguir impulsando cambios e reforzando os servizos públicos.
A alcaldesa concluíu asegurando que se presenta con «moita ilusión» e co orgullo de pertencer a unha organización que «está preparada para seguir facendo de Muros un lugar mellor para vivir».