Decateime dun detalle simpático que defenderei sen medo en cada barra de bar: nos grupos do Barbanza e de Muros hai un estilo de seu
04 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Participei a fin de semana pasada nas actividades que rodean o festival Emigrason, que organizan un grupo de mozos galegos de Bruxelas. Alí puiden ver a 9louro, un rapaz de Muros que o está petando. Souben del unha noite que pasei por diante da Igrexa da Universidade en Santiago e alí había trescentos ou catrocentos rapaces reunidos para escoitalo. 9louro, Martín Louro, é irmán de Xanma Louro, cantante de The Rapants.
E este grupo pechou o sábado o festival na sala La Madeleine, a un tiro de pedra de La Grand Place. Aquilo estaba ateigado de galegos e xente doutros países. Entre eles, uns corenta muradáns seareiros dos seus. Foi unha festa intensa e potente que recarga as pilas, e falta fai.
Escoitándoos decateime dun detalle simpático que defenderei sen medo en cada barra de bar: nos grupos do Barbanza e de Muros hai un estilo de seu. Nunha xenealoxía que se cadra teña como orixe aos Heredeiros da Crus, a música faise anarca, guitarreira, macarra, desenfadada, con ese castrapo deliberado que fai sangrar os oídos, enerxético, caótico.
Ao comparalo cos grupos do Salnés, por exemplo, aprécianse ben esas diferenzas. Os do norte son uns arroutados. E os do sur? Pois os do sur son doutro xeito, máis de sesión madrileñer do Náutico do Grove, dispensando. A que se deberán esas diferenzas? Seguro que en parte do que uns aprenderon dos outros nos escenarios dos recheos da ría.
Pero eu creo recoñecer nesta festa pasota o alento rebelde e indisciplinado dos mariñeiros da nosa terra.