Un xornalista en América

La Voz

MUROS

CEDIDA

César Augusto Cisneros Luces, nado en Muros en 1849. Emigrara a Cuba en 1862 e na Habana e noutras vilas da illa comezou a colaborar nos xornais

26 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda moi presente nos repertorios bibliográficos está César Augusto Cisneros Luces, nado en Muros en 1849. Emigrara a Cuba en 1862 e na Habana e noutras vilas da illa comezou a colaborar nos xornais.

A enfermidade obrigouno a volver a Galicia en 1867 onde foi profesor de instrución xeral na Escola Naval de Flotante e en 1872 publicará La insurrección del Ferrol.

Ao ano seguinte, en 1873, regresa a América e vive entre as cidades de Montevideo e Bos Aires, e é na capital Arxentina onde crea o primeiro xornal da colonia galega en América do Sur, El Gallego, en 1879, e que sairá, con algúns problemas, ata 1889, e que volverá saír do prelo entre marzo e novembro de 1895.

Ocasionalmente sábese que cultivou a poesía galega, porque Carré Aldao inclúe o poema Na ausencia na súa Literatura gallega (1911).

Quen nacera en Muros un 22 de setembro de 1849, falece en Bos Aires o 4 de xaneiro de 1897. A súa figura foi estudada por Alberto Vilanova Rodríguez en Los gallegos en la Argentina (1966) e, brevemente, por Carballo Calero na súa Historia da Literatura Galega Contemporánea (1981), para a que consultou a monografía César A. Cisneros Luces publicada en Bos Aires en 1899 polo emigrado galego Manuel Castro López, autor de moitos traballos sobre os galegos da América do Sur.