O BNG aposta por destinar 15 millóns de euros á rexeneración da ría de Muros e Noia

C. S. RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

Néstor Rego, nunha imaxe de archivo en O Freixo, Outes.
Néstor Rego, nunha imaxe de archivo en O Freixo, Outes. martelo

O deputado nacionalista Néstor Rego rexistrou emendas nos orzamentos xerais do Estado co obxectivo de mellorar o investimento nos municipios da zona

08 nov 2022 . Actualizado a las 14:43 h.

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, rexistrou varias emendas aos orzamentos xerais do Estado destinadas a mellorar o investimento nos municipios da ría de Muros e Noia por valor de 16,7 millóns de euros. Unha das propostas máis destacadas e a de consignar 15 millóns de euros a un plan de rexeneración do bordo litoral da zona.

A intervención que demandan dende a formación nacionalista vai acompañada por unha aposta pola colaboración entre Administracións para deseñar un plan de mellora da calidade das augas, así como da produtividade dos bancos marisqueiros.

«A rexeneración da ría debe ir unida á reclamación á Xunta de Galicia de dar pasos urxentes para culminar o saneamento dos municipios. Carece de sentido rexenerar unha zona sen que se deseñe un calendario para rematar os vertidos de residuos», afirmou Rego.

Ademáis, o deputado nacionalista explicou que 1.700 postos de traballo, tan só da Confraría de Pescadores de San Bartolomeu de Noia, dependen directamente do bo estado da ría.

Outras actuacións

Por outro lado, a formación nacionalista demanda outras tres actuacións na zona. Solicita unha intervención de rexeneración nos recheos sobre a zona húmida de San Lázaro, a retirada das tubaxes de fibrocemento e a mellora paisaxística de A Barquiña e a recuperación do espazo protexido da marea de O Conchido

Por último, dende o BNG piden a realización dun proxecto, por un valor de 250.000 euros, que estude as posibilidades de conexión ferroviaria entre a zona da ría de Muros e Noia con Santiago de Compostela