As «casas baratas» e o seu impacto urbanístico

PEDRO GARCÍA VIDAL

MUROS

CEDIDA

Estas construcións foron promovidas no franquismo para responder ao gravísimo déficit de vivendas

25 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

No franquismo, a construción das coñecidas como «casas baratas» xorde como resposta ao gravísimo déficit de vivendas, consecuencia dos incrementos poboacionais das vilas nos anos cincuenta do pasado século, xunto a unhas condicións de infravivenda nos barrios máis degradados e con poboación de menos recursos da cidade antiga. Os poderes políticos e económicos vían que a infravivenda e as grandes bolsas de miseria podían pasar a ser incontrolables e representaban un risco evidente para o sistema produtivo e para a estabilidade política. Para tentar solucionar o problema da vivenda que a iniciativa privada non daba acadado, o Estado realizou o denominado Plan Nacional de la Vivienda xestionado por un instituto público (o Instituto Nacional da Vivenda) e cun brazo construtor (a Obra Sindical do Fogar). O programa ambicionaba construír, en cinco anos, ata 550.000 vivendas acollidas á lei de vivendas de renda limitada.

Na ría de Muros-Noia o programa vai incluír as dúas principais entidades de poboación; porén, a solución é diferente en cada unha das vilas. Mentres que en Noia se opta pola construción afastada da vila, ao outro lado da ponte, no barrio mariñeiro do Campo das Rodas, en Muros, o polígono de vivendas vai erguerse nos bordos do recinto antigo, na aba da montaña, aproveitando os terreos do antigo Campo da Feira. Nos dous casos, trátase dunha maneira de facer cidade (se pode chamarse cidade ao resultado) completamente nova na historia das vilas da ría. Os nacentes polígonos van converterse en pequenos focos de crecemento urbano destes anos. Un crecemento con escasa ou nula planificación, carente de equipamentos e servizos públicos. A partir deles, a iniciativa privada irá ocupando dun xeito anárquico os espazos libres non construídos. Ante a falta de normativa propia, facilitouse o «deixar facer» á iniciativa privada. Cando logo, nalgún momento, o poder político quixo poñer algo de orde, xa era demasiado tarde.

O caso de Muros

En Muros, as vivendas protexidas Monte Louro levantáronse nos antigos terreos do Campo da Feira. A finca rústica, que formaba parte do patrimonio municipal como ben de propios do Concello, vai ser cedida en acordo do ano 1942, con ratificación de dito acordo en sesión de 16 de maio de 1944, para cedela gratuitamente á Obra Sindical del Hogar, para a construción de vivendas protexidas. Será precisamente este emprazamento no bordo superior do recinto histórico o que vai magnificar, aínda máis se cabe, unha construción de volume e altura desproporcionados que se impón con rotundidade sobre un casarío de baixa altura predominante. Podería dicirse que estes dous bloques de vivendas de baixo e tres alturas constitúen a primeira alteración verdadeiramente significativa na paisaxe construída dos bordos do recinto histórico de Muros no que fai referencia á súa liña do horizonte. Logo virían outras.

En Noia, as popularmente coñecidas como «casas baratas» constrúense nos anos cincuenta. Inauguradas en 1954, o edificio que alberga as vivendas consta de dous bloques de baixo e tres alturas, con tres vivendas por planta en cada bloque. En total 24 vivendas. O volume e a altura da edificación racha o predominio absoluto das casas mariñeiras de unha ou dúas plantas predominantes na zona. A posta en marcha deste tipo de operacións non era naquel momento máis que o comezo dunha serie de actuacións urbanísticas que ían modificar profundamente a paisaxe urbana da vila.

Os «polígonos» de Muros e de Noia constitúen o produto da ditadura política, da estreiteza económica e da escasa sensibilidade cultural, que marcou o territorio urbano cun sinal desproporcionado e pouco adaptado á vila preexistente. Alí onde se instalaron, a súa transcendencia urbanística foi notable tanto polas súas dimensións, pola forma estrutural e, aínda máis, polo seu impacto social.

As «casas baratas» impúñanse en Noia sobre o casarío predominante