Aquelando e Paco Nogueiras súmanse á mostra Xosé Agrelo

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

BASILIO BELLO

A compañía Talía pechará o ciclo teatral de Muros o vindeiro día 21

13 may 2022 . Actualizado a las 21:32 h.

Hai xa un par de semanas que se está a desenvolver en Muros unha nova edición, a décimo cuarta, da Mostra de Teatro Xosé Agrelo. A iniciativa, que coincide sempre co mes das letras por excelencia, situará este sábado enriba das táboas do centro cultural (21.00 horas) ao grupo Aquelando, que poñerá en escena Unha petición de man e unha voda.

O martes, Día das Letras Galegas, collerá o relevo Paco Nogueiras, que presentará o seu espectáculo Extra!, especialmente dirixido ao público infantil. O artista buscará entreter aos cativos a golpe de temas que invitan a ser bailados. A actuación está programada para as 18.00 horas na praza do Mercado, pero en caso de chuvia, trasladarase ao centro cultural.

No marco da mostra dedicada a Xosé Agrelo, os veciños de Muros terán unha nova cita co teatro o xoves. Nese caso será o grupo do centro ocupacional de Valadares o que se suba ás táboas ás 12.00 horas para poñer en escena unha obra titulada O segredo do anel.

A literatura colarase o día 20 neste ciclo de teatro da man de Henrique Monteagudo Romero. O sociolingüista, profesor da USC e membro da Real Academia Galega presentará ás 20.00 horas o seu último libro: O idioma galego baixo o franquismo. Da resistencia á normalización. E posteriormente haberá unha nova función a cargo de Metátese, unha compañía chegada desde Palas de Rei que deleitará ao público con Escola de vaqueiras.

Talía Teatro será o grupo encargado de escribir o punto e final desta edición da mostra muradá. O 21, ás 21.00 horas, representará A parábola do angazo, un espectáculo interpretado por Artur Trillo e Toño Casais, que ten un conto popular como punto de partida.