Inés Monteagudo, alcaldesa de Muros: «Agora debátense as diferenzas no pleno sen chegar ás descualificacións»

Francisco Brea
Fran Brea RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

Monteagudo fai unha valoración positiva da súa estancia na alcaldía a pesar da pandemia.
Monteagudo fai unha valoración positiva da súa estancia na alcaldía a pesar da pandemia. MARCOS CREO

A rexedora destaca a solidariedade e a resposta dos muradáns na pandemia

08 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Inés Monteagudo (Muros, 1965) colleu o bastón de mando no Concello de Muros no 2019 con moitos proxectos e tivo que facer fronte a un mandato marcado pola irrupción da pandemia. Algo co que ninguén contaba e trastornou moitos plans, pero que tamén fixo que tivesen que enxeñarllas para saír «o mellor posible da situación», como a propia alcaldesa muradá recoñece.

—En termos xerais, como valora o tempo que leva na alcaldía?

—A valoración, a pesar das circunstancias, é positiva. Este mandato o pasamos con dous anos que foi un tempo confuso. Obrigou a tomar medidas innovadoras para afrontar a situación. Aínda así, puidemos sacar adiante os POS que levaban sen executar desde o ano 2017 e de aprobar o orzamento municipal despois de seis anos. Cambiou a tónica do funcionamento dos plenos e do Concello. Antes era todo máis convulso, con sesións broncas, e agora hai unha actitude máis dialogante. As rifas permanentes non eran construtivas e non teñen utilidade para os veciños.

—Referiuse aos orzamentos, que supón para o Concello ter por fin unhas contas actualizadas?

—Moito. Nos anteriores non existía nin tan se quera a Lei de Contratos do Estado. Gustaríanos ter contas anuais, pero non hai secretario nin interventor. Temos que agradece o traballo do persoal, que demostrou espírito de colaboración en prol dos intereses dos veciños.

—Gobernan sen maioría, polo que toca buscar o consenso con outras forzas.

—Agora debátense as diferenzas no pleno sen chegar ás descualificacións e dunha forma razoable. A nosa misión é conseguir cousas para os muradáns e, dentro das diferenzas ideolóxicas de cada un, mellor ter unha actitude colaboradora. É un punto de partida difícil, pero todos queremos sacar ao Concello da situación de parálise na que estaba.

«O que máis quero recordar da pandemia é a resposta fantástica dos muradáns»

—Sen dúbida, este mandato está marcado pola pandemia. Non sería sinxelo xestionar a situación.

—Ao comezo, suspendemos actividades xa uns días antes do estado de alarma. Houbo que poñer en marcha mecanismos extraordinarios, como a limpeza de espazos públicos, a atención a maiores, apoio ao comercio e á hostalaría... Fomos áxiles e rápidos, con instrumentos para saír o mellor posible da situación. O que máis me enche o corazón, o que máis quero recordar da pandemia, é a resposta fantástica dos muradáns, a súa solidariedade.

—Constátase xa a recuperación ou a difícil situación actual segue a ser un lastre?

—Vai ser preciso tempo para deixar a tras a pegada do covid, tanto a nivel persoal como colectivos. A situación económica preséntase complicada e fai que haxa que pensar ben como gastamos os cartos.

«Se os meus compañeiros de partido queren, repetirei como candidata»

Monteagudo di que tiña «proxectos ambiciosos» para Muros. A pandemia fixo que non todos os plans puideran saír adiante e, por iso, tamén fala de futuro.

—Repetirá como candidata á alcaldía de Muros?

—Se os meus compañeiros de partido queren, repetirei como candidata. Gustaríame poder rematar proxectos iniciados e executar outros que non foron posibles facer. Hai boas expectativas de futuro en materia turística e económica para o municipio. Estamos conseguindo actualizar o funcionamento do Concello e, unha vez ordenada a casa, pódense afrontar iniciativas de máis envergadura.

—Una materia pendente no municipio sempre é o saneamento. Aínda queda moito por facer?

—É un traballo constante. Fixéronse investimentos importantes, de cerca de dous millóns de euros en obras de mellora en todas as parroquias. Realizáronse actuacións para solucionar puntos de verteduras. Cando chegamos ao Concello, atopamos centos de expedientes de sanción de Augas de Galicia. Agora temos que afrontar o saneamento do polígono e temos pendente unha intervención en Louro. Hai que ir pouco a pouco, a medida que cheguen fondos. Ademais, os procesos de licitación son longos. Non é lóxico que fagan falta oito meses para licitar unha obra cun prazo de execución de dous.

—Algún reto para o que resta deste mandato?

—Agardo que dea tempo a executar unhas liñas de investimento dun plan turístico sostible, que en Muros afecta a Ancoradoiro. Logramos poñer en funcionamento a praza de abastos e queremos reactivar o outro piso con cursos de formación. É importante porque é un edificio histórico importante que estaba abandonado. Tamén sacamos os andamios do cine París, que é un éxito, e hai un proxecto para seguir traballando nel.

—Tamén parece que o caso histórico volve a reactivarse.

—Hai un plan de humanización da parte interior con investimentos cuantiosos. Estaba bastante abandonado e as axudas para rehabilitar vivendas estanse reactivando.

En corto

A alcaldesa de Muros recoñece ser unha gran lectora, moi familiar e unha namorada do seu concello.

—Algún libro que estea a ler ou que recomende?

—Son unha lectora voraz, agora mesmo teño cinco libros na mesita. Gústame a novela histórica e tamén a española.

—Tamén apaixonada do cine?

—Si, principalmente das películas e series británicas. Agora estou enganchada a Downton Abbey.

—Dáselle ben a cocina? Algún prato estrela?

—Son moi cocinitas por necesidade. Dáseme ben a repostería, sobre todo os doces que levan mazá, e, dentro deses, o strudel principalmente.

—Un referente?

—Meus referentes sempre foron os meus pais, dúas persoas admirables capaces de sacar unha familia adiante e que me educaron en valores de liberdade.

—Como lle gusta gozar do seu tempo libre?

—Estando cos meus, son unha persoa moi familiar. A miña propia e a política é grande. Gústame moito estar con nenos, xogar con eles.

—Un lugar no mundo para desconectar?

—A praia de Area Maior, sen dúbida, un lugar onde teño recordos marabillosos.

—E se falamos de música, algún cantante ou grupo favorito?

—Escoito moita música dos 80, pero tamén indie, desde grupos como Novedades Carminha ata The Doors.