Señora xuíza, a min non me ofende

Sandra Faginas Souto
Sandra Faginas DARLLE Á LINGUA

MUROS

Laura Martelo

29 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sentíndoo profundamente, señora xuíza, a min non me ofende. Debo pertencer a esa fauna galega superficial que prefire mirar a vida con retranca e coa distancia suficiente como para saber que entre Muros e Marbella hai un mundo! Mi madriña, os rusos que teñen por alí para entrar en comparacións cos paisanos de Esteiro. Por iso sei, señora xuíza, que de saber galego, vostede non tería errado en tal sentenza, porque na nosa lingua non hai nada máis positivo que a profundidade. Mire, profundo -di o noso dicionario- significa ‘lonxe da superficie’, de aí que as nosas rías, por exemplo, teñan os tesouros máis magníficos no fondo do mar. E por iso é profunda a Cova do Rei Cintolo, a máis grande que temos das nosas marabillas. Os nosos carballos son profundos como o carácter dos galegos que botan raíces alí onde chegan para facerse querer. Ás veces, señoría, a profundidade fai referencia á ‘dificultade que supón calquera cousa’, de aí que sexan difíciles de entender as ideas profundas, os pensamentos profundos que na reflexión son tan imprescindibles cando se xulga calquera cuestión. E profundo, entendido como ‘intenso’, é, señora xuíza, o amor. O amor tamén á lingua que, profundamente, conforma un xeito de ver a vida. Así de profunda é Galicia.