O orador estratega que conquistou ao xurado do Parlamento Xove

Laura martelo CORRESPONSAL / OUTES

MUROS

O equipo de debate do IES Fontexería ao completo. De esquerda a dereita: Clara Caamaño, Paloma Quintela, Uxía Trigo, Manel Agra e o coordinador, David Espasandín
O equipo de debate do IES Fontexería ao completo. De esquerda a dereita: Clara Caamaño, Paloma Quintela, Uxía Trigo, Manel Agra e o coordinador, David Espasandín LAURA MARTELO

O muradán destacou coma un dos mellores poñentes na fase clasificatoria

07 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non era a primeira vez que dende o IES Plurilingüe Fontexería de Muros saía un equipo de debate para participar no concurso Parlamento Xove, promovido pola Secretaría Xeral de Xuventude da Xunta, pero si foi a primeira ocasión na que Manel Agra, estudante de 2.º de Bacharelato no centro, participaba na contenda. E a pesares de que o equipo no que estaba non conseguiu pasar ás finais, o mozo muradá conseguiu o recoñecemento do xurado do concurso, unha noticia que o colleu por sorpresa: «Quedei algo sorprendido porque a min paréceme que as miñas compañeiras tamén o fixeron moi ben, non vin que eu estivera mellor ca elas».

Agra formou parte do equipo muradán xunto con Clara Caamaño, Paloma Quintela e Uxía Trigo, un grupo coordinado polo docente carballés David Espasandín que o 13 de marzo conseguiu acadar 410 puntos na fase clasificatoria da duodécima edición do Parlamento Xove e no que se debateu sobre se un Estado debería establecer como obrigatoria a vacinación entre a súa poboación. A pesar do resultado, Espasandín valorou moi positivamente a resposta do alumnado: «Levamos unha boa dinámica de traballo, ensaiamos varias veces estas semanas e mesmo viñemos aquí un sábado tendo eles exame un luns. Implicáronse, traballaron e pasaron horas», comenta.

Ao falar con Manel Agra pouca marxe hai para a sorpresa en canto ao recoñecemento como mellor orador do concurso. A soltura coa que este rapaz se desenvolve diante dunha audiencia é incuestionable. Confesa que lle gusta «falar diante da xente, tendo a crecerme» e nunca desbota unha boa conversa con amigos e familia: «Gústame moito discutir cos meus amigos, sempre estamos buscando o debate e gústanos moito falar sobre unha película, un videoxogo ou un libro e discutir. Doulles os meus argumentos de por que me parece bo ou malo e eles danme os seus. E tendo bastante a discutir sobre política con algún compañeiro que chocamos moito. En xeral, todo o que sexa discusión gústame bastante».

Agra é un firme defensor do poder da oratoria no día a día, argumentando que «a medida que practicas gañas vocabulario, consciencia, cultura e velocidade mental. Suma para todo». A posición de refutador, posto no que participou no concurso, explota o seu potencial estratega nas batallas verbais e é do que mais goza: «Gústame coller os argumentos dos outros e buscar como darlles a volta e deixar sen resposta ao rival. Ten unha parte de xogo que é interesante», di. Manel Agra confesa que aínda que non ten claro o que vai estudar, Dereito é unha das titulacións que lle parece máis interesante, xunto con Filosofía.

Preparación antes do debate

Precisamente, os fundamentos filosóficos da oratoria, materia central da asignatura de debate, foi unha das razóns polas que o rapaz acabou por meterse no grupo. David Espasandín imparte no centro muradán esta temática que se entronca a actividade do Parlamento Xove, do mesmo xeito que tamén se reforza dende Lingua Galega, que dá Berta Núñez. Espasandín preparou a conciencia aos seus alumnos para a competición, caracterizada por dividirse en varias partes. O docente comenta que practicaron a estrutura dada pola organización, dividida en presentación dos argumentos, refutación e conclusión mediante a recollida de información para apoiar as súas afirmacións en evidencias.

Por outra banda, explica que «en cada debate sortéase a postura que vas defender, sabes o tema, pero tes que adaptarte ao rol que che toca». A cousa cambia nas aulas, xa que o sistema empregado implica a participación de catro oradores que expoñen as súas posicións sobre un tema previamente preparado ante o resto de alumnos, que exercen como público. Con todo, Espasandín explica que o de saír á palestra non é algo do gusto de todos, aínda que «tamén é certo que a medida que o fan unha vez parece que van un pouquiño mellor, que é o sentido da materia». Coa mirada posta nas vindeiras edicións, o profesor explica que o obxectivo é chegar ás finais, algo que de seguro conseguirán coa gran canteira de oradores coa que contan.