Fernando Rei, arquitecto e artista: «En urbanismo, cada paso ha de ser reflexivo e ter en conta a totalidade»

laura martelo MUROS / CORRESPONSAL

MUROS

laura martelo

Finalizada a etapa como técnico do Concello de Muros, dedica o seu tempo á pintura

01 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A percepción da realidade é un punto de partida para plasmar o entorno en calquera soporte, e a partir dese punto un pode representalo fielmente ou reinterpretalo. Fernando Rei (Muros, 1957) foi consciente da importancia da planificación e do rol dos pequenos detalles nun conxunto. Tras 40 anos como técnico de urbanismo en Muros, cede a testemuña orgulloso do traballo realizado e dos logros acadados, como foi a preservación dun casco histórico único que cumpriu medio século como conxunto histórico artístico. Apaixonado da pintura, as súas obras expuxéronse en varios puntos de Galicia, chegando a países como Dinamarca, Singapur ou Canadá da man de Ar de Arte, un proxecto que combina conservas gourmet con creacións de artistas galegos.

-Cales foron os maiores retos que afrontou no urbanismo?

-O maior reto foi, xa desde o inicio da miña traxectoria no 1984, abranguer as diferentes disciplinas que esixía este traballo: arquitectura, enxeñaría, urbanismo, lexislación, economía, xeografía, topografía, xestión de residuos, xestión ambiental.... Esta dimensión tan ampla forma parte do traballo diario pero, ademais, hai que ter unha visión global e a longo prazo para todo o territorio. Quero dicir, pairando cada proxecto, sempre houbo un criterio de unicidade urbanística, unha orde que en si mesma creaba arquitectura. Por outra banda, tamén é un reto a gran cantidade de xente coa que tes que traballar e os distintos oficios e disciplinas. De todos eles se aprende.

-De todos os proxectos realizados, con cal se queda?

-Foron moitos. Houbo momentos propicios nos que as forzas políticas, económicas e técnicas acadaron melloras significativas. Poño por caso, na vila de Muros, a creación do paseo e do borde litoral; o amaño do Muíño de Mareas, da praza do Concello e da fronte de soportais; a recuperación da liña da muralla, a renovación da iluminación, o arranxo das rúas… Tamén traballei moito na implantación dos sistemas da rede de sumidoiros e da traída de auga, que están contribuíndo á limpeza e saneamento da ría. A creación destas infraestruturas debe levar consigo o amaño superficial e a unificación dos espazos urbanos potenciando as singularidades de cada núcleo e non é posible sen o coñecemento profundo do territorio. O traballo nos núcleos debe responder a un plan sistemático de mellora e recuperación que manteña as características identitarias de cada lugar. Foi un criterio firme manter os contornos naturais. Esteiro, Tal, Abelleira, Serres, Muros e Louro conservan as súas características como vilas únicas e non se dilúen nun asentamento lineal que os faría desaparecer. Entre eles hai bosque e límites paisaxísticos que deben manterse para acadar unha arquitectura integradora entre o medio urbano e o natural.

-Que criterios se deberían manter no eido do urbanismo?

-A unicidade, a orde, a recuperación e o mantemento dos pequenos espazos urbanos que lle dan identidade e singularidade a cada núcleo, sen esquecer a modernización e as novas achegas son criterios fundamentais para que Muros siga sendo referente do coidado patrimonial, urbanístico e paisaxístico. Un técnico de urbanismo non pode tratar con lixeireza ningún destes aspectos. As árbores nunca deben tapar o bosque. En urbanismo, cada paso que ha de ser reflexivo e ter en conta a totalidade e singularidade de todo o territorio.

-Cando comezou a pintar?

-De rapaz, con meu pai. El, que foi médico aquí en Muros, tamén aproveitaba as poucas horas libres que tiña para pintar. Foron os seus pinceis os primeiros que eu collín. Ningún dos dous dicía ren, era o día perfecto da infancia; como escribía MacCarthy en La carretera, «o molde perfecto para días futuros». Hoxe, a pintura para min é un espazo persoal e íntimo, unha habitación propia como a de Virginia Wolf. Hai pouco lin un texto de Mary Oliver, unha poeta americana, que fala dos territorios salvaxes da creación. A pintura, como acto creativo, esixe dedicación, silencio, soidade e concentración... non sei con certeza a que me pode levar, só sei que recorro a esa habitación con asiduidade.

-Que o inspira para crear?

-Simplemente procuro prestar atención ao meu arredor, observar o que ocorre.

-Cal é a o obra da que se sinte máis orgulloso?

-A mellor é sempre a que está aínda por pintar.

-Onde lle gustaría ver os seus cadros?

-Están ben alí onde son ben recibidos.

-Ten algunha colaboración artística pendente?

-Teño colaboracións que me estimulan moito e compañeiros cos que compartir o pracer e as angueiras da pintura. Pero se o penso, o máis gratificante é o encontro e a amizade con galeristas, técnicos de cultura, profesores, poetas... Son feliz co traballo que supón montar unha exposición, crear un obradoiro para Muros Mira o Mar ou darlles clase na escola de educación infantil de Muros aos pequeniños.