Juan Porrúa: «Co plantel que hai imos ir a morte ata o final da campaña»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

MUROS

Dous Juans nun mesmo banco. Porrúa, á dereita, no adestramento de onte no Ara Solis, acompañado de Cabrejo, segundo técnico camariñán. O muradán, que foi porteiro toda a súa vida, declárase seguidor do Barcelona e destaca como xogador a Ter Stegen: «Nestes momentos», precisa.
Dous Juans nun mesmo banco. Porrúa, á dereita, no adestramento de onte no Ara Solis, acompañado de Cabrejo, segundo técnico camariñán. O muradán, que foi porteiro toda a súa vida, declárase seguidor do Barcelona e destaca como xogador a Ter Stegen: «Nestes momentos», precisa. ANA GARCIA

O muradán asume o cargo de adestrador no Fisterra cunha tremenda ilusión por lograr que o equipo da Costa sexa capaz de manterse na Terceira División: «É un luxo», recorda

19 mar 2021 . Actualizado a las 12:08 h.

O Fisterra ten novo estandarte. Juan Luces Cores, Porrúa (Muros, 1978) aterrou este luns no Ara Solis para tratar de levar ó equipo á permanencia na Terceira División Nacional no que resta de liga. Porrúa é un home da Costa que chega cargado de ilusión para ser o revulsivo dun conxunto que non pasa polo seu mellor momento, con catro derrotas consecutivas e a marcha do fisterrán Ángel López apenas dúas semanas despois de chegar para cubrir a saída do exmadridista e exdeportivista Jaime Sánchez.

-Como se lle presentou esta oportunidade? É a primeira vez que contactan con vostede?

-Xa se falara un pouquiño a principios de tempada. Había algunha posibilidade, pero non se deron as circunstancias. Agora xurdiu todo moi rápido. O luns, dende o club contactaron comigo e as xestións axilizáronse dunha maneira moi rápida sen case asimilalo.

-Dá un salto tremendo, dende Terceira Autonómica a Terceira División.

-Xa levaba tempo querendo sacar unha materia que tiña pendente do UEFA Profesional que cursei hai dez anos. Por circunstancias non a puiden sacar ata este ano e tampouco adestrei máis equipos que no Dumbría, en categorías inferiores, e o Monte Louro, polo meu traballo. Estiven en Alemaña seis anos.

-O seu debut na categoría é practicamente na casa. Pode sentirse un privilexiado.

-É un luxo para min e para Juan Manuel Cabrejo [segundo adestrador, de Camariñas] coller un equipo en Terceira División que sexa da Costa da Morte. Penso que todos temos que poñer o noso gran de area para que esta situación se siga dando aquí, tan preto de nós, pois é un verdadeiro pracer competir nunha categoría tan importante como esta.

ANA GARCIA

-Dende a directiva que obxectivo lle marcan?

-O único dende hoxe [por onte] é traballo. Cada domingo hai unha final na procura da permanencia. Nese sentido, poñeremos todo o que está na nosa man, dende os técnicos ata os xogadores, encima da mesa. Sabemos que é un reto difícil, pero non por iso imos deixar de pelexar. Isto é fútbol, todo pose pasar. Dende o traballo loitaremos ata o último alento con todas as nosas forzas polo obxectivo.

-Quedan dous partidos da primeira fase. É importante comezar a puntuar para non desengancharse co resto de rivais no que será o segundo período de competición. Terá un inicio difícil o domingo co Fabril en Abegondo.

-O novo formato é vistoso para os afeccionados, pero dá moi pouca marxe de manobra para os equipos. Este domingo sabemos da importancia do rival, pero imos pelexar por un bo resultado canto antes.

-Cando e como foi a súa primeira toma de contacto coa plantilla?

-O martes tiven a última reunión coa directiva e xa nos puxemos a traballar. Presentámonos Juan mais eu, falamos todo o que hai que falar dentro dun vestiario e, a partir de aí, remar todos no mesmo sentido. Dixémoslles aos xogadores que desfruten, que é un luxo ter un equipo da Costa en Terceira División, que non desaproveitemos a ocasión de gozar do momento. Co plantel que hai imos ir a morte ata o final da tempada. Os xogadores mostraron predisposición, dende o primeiro ata o último.

ANA GARCIA

«Tanto Cabrejo como eu estamos preparados»

Porrúa non chega só.

-Juan Manuel foi proposto por vostede para o cargo ou pola directiva?

-Hai uns cantos anos fomos compañeiros como xogadores no Compostela. Dende aquela, establecemos unha amizade persoal e, aparte diso, compartimos moito a forma de ver o fútbol, sobre todo o da Costa, como o entende a xente. Entón, creo que é unha boa axuda para min. El ten a súa experiencia no fútbol profesional. Xogou doce anos en Terceira División e estivo nos bancos do Negreira, como segundo; no Ordes e, este ano, de non ser polo covid, ía empezar co Catoira, de Pontevedra. El sabia que o Fisterra me chamara o luns. Púxenme en contacto con el, ofrecinlle a posibilidade e, sen pestanexar, xa me dixo que si, ata onde faga falta e o que faga falta.

-É, case con toda seguridade, o máis novato da categoría. Imponlle iso respecto?

-É verdade que a experiencia dáche un plus, pero tanto Cabrejo como eu estamos sobradamente preparados e ilusionados, con ganas de coller o touro polos cornos. Xa sabemos que o fútbol son resultados, sobre todo para os adestradores. Terceira División é unha categoría importante, pero todo é fútbol. Tratarase de non deixar nada ao azar e de facer moitas máis horas de traballo, pero Juan e eu sabemos ao que nos enfrontamos. Non dende o banco, pero si que dende a profesionalidade que temos, sexa Terceira División ou Terceira Rexional.

-Que tipo de fútbol lle gusta realizar?

-Son un adestrador que non pecha a porta a ningún sistema e a ningunha forma de xogar. Teño a miña idea, pero segundo os xogadores que teño tamén me adapto. Gústame ter o balón, combinar, pero tamén cando se pode, enlazar con pases largos [ri].