David Fernández: «Traballaremos para que Esteiro teña o primeiro museo de carrilanas do mundo»

Dá practicamente por descartada a celebración deste ano do Gran Prix


RIBEIRA / LA VOZ

No ano 2008, cando o Gran Prix de Carrilanas se vira reducido a una exposición de singulares vehículos e mesmo corría o risco de desaparecer, un grupo de mozos liderados por David Fernández (Muros, 1984) asumiu as rendas da asociación encargada da súa organización. Querían darlle o pulo definitivo á festa, conseguir que volvera a reunir en Esteiro a miles de persoas. E non só lograron ese obxectivo, senón que fixeron da cita muradá a primeira de Barbanza que conta coa distinción de festa de interese turístico nacional.

-Aproveitaron o parón derivado da pandemia ou este logro é froito de moitos anos de traballo?

-É certo que nos axudou o feito de non celebrarse o Gran Prix o ano pasado, pois ao non ter que dedicarlle tempo á organización da festa dispuxemos de máis horas para a realización de outro tipo de trámites; pero detrás do distintivo hai varios anos de traballo e xestións.

-Que foi o máis complicado do longo camiño percorrido?

-O máis difícil foi xustificar a difusión da festa en medios de comunicación de eido estatal.

-Conseguido este logro, onde está a seguinte meta?

-O seguinte obxectivo é conseguir que o Gran Prix sexa festa de interese turístico internacional. Para poder optar a este distintivo teñen que pasar cinco anos, pero queremos poñernos a traballar xa, co fin de ter toda a documentación lista cando se cumpra ese período.

-Son recoñecementos cos que se busca obter máis fondos ou acadar unha repercusión maior?

-A partes iguais. Un recoñecemento sempre é motivo de orgullo, sobre todo pola dificultade que ten conseguilo. O noso gran obxectivo é que a festa vaia a máis e garantir así a súa continuidade no tempo.

-Neste caso, non chega no mellor momento, pois todo indica que non se poderá celebrar?

-O momento é complicado, porque o ideal sería facer unha edición especial do Gran Prix, pero a realidade é que practicamente xa está descartada a cita deste ano. É unha mágoa, pois para coñecer a repercusión real dese recoñecemento logrado teriamos que poder celebrar a festa e valorar a afluencia.

-Cal é o segredo do éxito do Gran Prix?

-Penso que a súa singularidade, porque é unha cita única en Galicia. Tamén é certo que se ofrece un amplo abano de actividades abertas a todo tipo de públicos. Mesmo na baixada de carrilanas participan desde nenos de curta idade ata persoas maiores. Gerente baixou na última edición con case 90.

-El ten tamén moito que ver co recoñecemento logrado...

-Sen dúbida, tanto Ramiro García, Gerente, como Rodrigo Molinos, O Bolato, que estiveron á fronte da festa ata que nós collemos o relevo.

-Agora que a organización da festa deste ano está case descartada, en que traballa a asociación?

-Na nosa axenda hai dous obxectivos. Un deles é o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional. O outro ten que ver co patrimonio da entidade, traballaremos para que Esteiro teña o primeiro museo de carrilanas do mundo. Agora temos unha sede cedida por Gerente, pero a idea é ter un local propio.

-Botáronlle o ollo a algún?

-Si que temos un edificio en vista, que cumpriría os requisitos, pero é propiedade dun particular. Por iso chamaremos ás portas da Xunta, da Deputación e do Concello para, entre todos, abrir ese museo.

-É a consecución de fondos o principal obstáculo no proceso de organización dunha festa desta envergadura?

-Sen dúbida. A organización da festa e as xestións requiren tempo e esforzo, pero a consecución de fondos é o máis complicado. É certo que nestes momentos a xente de Muros, sobre todo a hostalaría, está implicada, pois cando nós empezamos custou conseguir que achegaran o seu grao de area.

«Hai medo a non poder realizar a festa como se facía antes, a non poder garantir a súa esencia»

David Fernández é un dos moitos veciños de Muros que levan a afección polas carrilanas no ADN. Participou por vez primeira na proba con 5 anos, ao lado do seu pai. Asumir a presidencia de Esteirana de Carrilanas obrigouno a situarse detrás da barreira, o que constitúe para el unha das grandes desvantaxes de esta na organización.

-Algunha vez, ao longo deste tempo, pensou en tirar a toalla?

-É certo que ser presidente da asociación tróuxome problemas, pero ao final pesan máis as alegrías cás penas. Momentos complicados coma os que viviron os nosos antecesores despois dun accidente mortal non tivemos. De feito, foi por iso polo que decidimos facer un esforzo extra en seguridade.

-Ansía de novo baixar a costa do Maio nunha carrilana?

-Por suposto, pícame esa espiña en cada edición desde que estou na presidencia. Por iso me gustaría que cando o noso período se esgote, haxa un relevo que garanta a continuidade da festa e eu poda subirme a unha carrilana de novo.

-Pensa que este parón motivado polo covid pode repercutir negativamente na cita?

-Eu entendo que cando este pesadelo remate a xente terá gañas de festa, se ben é certo que non sei o tocada que quedará a economía. Como as nosas actividades son gratuítas, tampouco debería influírlles demasiado. Incluso penso que, no noso caso, o galardón conseguido servirá para que o Gran Prix regrese con máis forza aínda.

-Pero non hai medo a que despois da pandemia cambien para sempre as normas en canto a concentracións multitudinarias?

-De momento existe moita incerteza, non sabemos o que vai ocorrer. Claro que hai medo a non poder realizar a festa como se facía antes, a non poder garantir a súa esencia, porque todo iso vai depender de se se volven a permitir as grandes aglomeracións ou non.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

David Fernández: «Traballaremos para que Esteiro teña o primeiro museo de carrilanas do mundo»