Os proxectos financiados polo GALP Costa Sostible crearon máis de 80 postos de traballo

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

CEDIDA

A última convocatoria de axudas conta con 900.000 euros para desenvolver actuacións vinculadas ao sector pesqueiro

14 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O GALP Costa Sostible, que abrangue os territorios da ría de Muros-Noia e da área de Fisterra, afronta a recta final do seu programa de axudas co peche da última convocatoria, cuxo prazo de presentación de propostas rematará o 1 de marzo. A entidade supramunicipal dispón duns 900.000 euros para o desenvolvemento de actuacións que se propoñan vinculadas ao sector pesqueiro. Dende o seu arranque, o programa tivo unha incidencia directa na dinamización económica da zona, xa que os proxectos financiados permitiron crear 83 empregos. Destes, 36 están ocupados por mulleres.

A valoración feita polo GALP Costa Sostible é moi favorable, dado que dos 7.077.653 euros que foron adxudicados no 2016 para o programa de axudas, xa está executado o 88,98 %. Isto significa o investimento de 6.297.499 euros.

Dende a xerencia da entidade sublíñase que estes índices repercutiron claramente na creación de emprego e na fixación de poboación no territorio, dous dos aspectos que máis preocupan ao GALP Costa Sostible.

Agora falta a última fase do programa por levar a cabo, polo que dende grupo de acción anímase aos axentes da zona de influencia para que fagan as súas propostas relativas a proxectos vinculados ao sector pesqueiro. Este é, de feito, o primeiro obxectivo estratéxico. Por iso resulta importante a presentación de iniciativas antes do remate do prazo establecido.

A principal meta do grupo é fomentar un sector pesqueiro máis sostible, tanto ambiental como economicamente, mediante unha xestión máis eficiente dos recursos, o incremento do valor engadido, a diversificación e a innovación nos estadios da cadea de valor vinculados á transformación, distribución e comercialización.

Posta en valor

O GALP apoiou nas últimas convocatorias proxectos dirixidos á posta en valor de determinados produtos do mar. Entre os exemplos figuran a marca Azul de Portosín, destinada a fomentar o consumo de variedades que representan a meirande parte das capturas da flota do cerco da localidade, como o xurelo, a sardiña ou a xarda.

Outra iniciativa neste ámbito foi Polbo de Lonxa, que tivo efectos sobre a valoración do produto e que reactivou de forma notable a confraría de Lira.

De igual xeito, as accións subvencionadas polo grupo permitiron a creación ou expansión de empresas. Entre elas figuran as de comercialización de peixe, como Mar da Morosa, en Carnota, ou Mariscos Antón, que chega a acadar índices de contratación de máis de 50 persoas.

Ao longo da ampla traxectoria da entidade supramunicipal e dos cambios que axudou a impulsar ocupa un aspecto moi importante a diversificación económica. As axudas do grupo están a ser determinantes para a potenciación turística do territorio da ría de Muros-Noia.

Da súa man, nos últimos anos floreceron numerosas iniciativas vinculadas ao turismo que supoñen a creación de empregos e que abren a porta para o nacemento de novas empresas do ramo que tamén propiciarán a aparición de ofertas laborais. Os últimos exemplos son o da apertura do Hotel do Porto de Muros, que implicou a rehabilitación dun edificio histórico. Debido á crise sanitaria o negocio non puido entrar a funcionar de forma plena, pero está preparado para facelo en canto a situación sanitaria mellore.

Outra iniciativa en marcha é a construción do establecemento hostaleiro Meiga do Mar, en Carnota. Ao igual que sucede co de Muros, será de tres estrelas, co que se pon de manifesto o interese e a aposta por incrementar o nivel de calidade dos negocios deste ámbito na zona.