Un mestre exiliado, nacido en Esteiro (Muros)

La Voz

MUROS

30 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante moitos anos, Xosé Tobío Mayo era, para a literatura galega, o autor de Espiñas (Bos Aires, 1941), que se citaba pola capa de Castelao. Un poemario que incluía en prosa Conto que non é conto e algunhas poesías en castelán. Nacido en Esteiro, Muros, en 1891, foi mestre e republicano. En 1936 fuxiu a Bilbao e loitou nas trincheiras do Norte. Logo veu a fuxida a Francia, o campo de concentración e a marcha a América. En Bos Aires tivo varios traballos, foi moi antiperonista e amigo de Castelao. En 1949 acolleuse a unha amnistía e regresou a Galicia. Reingresou no Maxisterio, que exerceu en As Neves e en Esteiro. Cando fuxiu tiña para saír do prelo en Nós unha novela, O padre Hilarión, con prólogo de Suárez Picallo, que se perdeu, pero o autor fixo dúas novas versións xa co título O frade das dúas almas, que publicou e editorial Galaxia en 2009, cun prólogo de Víctor Campio Pereira, depositario do manuscrito, e cun estudo detallado de Teresa López e Xoán López Viñas. Previamente saíra un capítulo na revista Grial en 1999 co título O seminarista. Novela en 11 capítulos, subtitulada «novela de costumes populares», axeitada definición para a primeira parte da obra na aldea mariñeira. O outro escenario é Compostela e a obra toma xa o vieiro dunha novela de aprendizaxe. Xosé Tobío morre en 1971 e deixa inédita unha segunda parte de Espiñas, de forte carga satírica.