Francisco Calo: «O Camiño de Muros-Noia é único a nivel de paisaxe, envólvese na natureza»

Destaca do trazado a fusión de mar e montaña, así coma o interesante patrimonio


ribeira / la voz

A mediados da década dos 90 xurdiu na ría de Muros-Noia un movemento que perseguía a oficialización dunha variante do Camiño Inglés, un trazado que partindo, ou ben da vila muradá ou ben de Porto do Son, confluía na localidade noiesa para continuar despois ata Compostela. Concello e entidades públicas e privadas fóronse sumando a unha loita que propiciou o nacemento dunha asociación de amigos do camiño, sen outro obxectivo ca o de achegar un grao de area máis. O seu presidente, Francisco Calo, aplaude o recoñecemento que, por parte da Igrexa, vén de recibir o trazado.

-Que supón ese recoñecemento?

-Permitiralle a aquelas persoas que percorran este Camiño obter a compostela, pero sobre todo é un recoñecemento ao traballo realizado e supón un raio de esperanza para a ría de Muros-Noia en aspectos como a sangría demográfica que estamos a sufrir. O Camiño pode converterse nunha nova alternativa para asentar poboación e alzarse coma un proxecto bandeira a nivel do conxunto da ría. Estamos a falar dunha iniciativa cunha importante compoñente turística, que lle afecta a un total de nove municipios.

-Que motivou ese empuxón por parte da Igrexa?

-Por unha banda, a contundencia dos datos históricos, pero tamén un traballo moi constante por parte de asociacións, concellos e entes privadas de turismo.

-Chega demasiado tarde este recoñecemento, tendo en conta que estamos en ano xacobeo?

-A meta era o recoñecemento, pero está claro que se chegara seis meses antes tivera sido xenial. Hai un arduo traballo por diante, xa que hai que patear o percorrido e estamos esperando a dispoñer dos trazados para poñernos mans á obra.

-Cal será a partir de agora o papel da asociación?

-A asociación tiña un plan para o 2021, con recoñecemento ou sen el, e seguiremos adiante. A nosa principal misión é darlle asistencia aos peregrinos que percorren o Camiño. Unha das nosas grandes metas é que o percorrido sexa dixitalizado e niso estamos. Ás veces, a sinalización que se fai castiga o entorno e nós avogamos porque se dispoña dunha ferramenta dixital útil para que se poida facer o Camiño con medios tecnolóxicos.

-Que falta para o recoñecemento por parte da Xunta?

-Pensamos que faltan vontade e medios, porque os documentos históricos que se presentaron son irrefutables. Nós imos seguir achegando datos e a partir de agora contaremos con cifras oficiais de peregrinos, pero a pelota está no tellado da Xunta.

-Ve o Camiño como o empurrón definitivo para o turismo?

-Vai depender dos empresarios do sector turístico. Agora temos un trazado e esa compostela, os hostaleiros son os que teñen que ter a capacidade de convertelos nunha vantaxe. Teñen que ofertar e saber captar aos peregrinos. Se vemos outros camiños, fóronse creando paradas en función da oferta de hospedaxe e de hostalaría. En Fisterra pode dicirse que case foron os hostaleiros os que puxeron o percorrido en funcionamento. Na ría de Muros-Noia hai hospedaxes e negocios de restauración, pero teñen que traballar de forma coordinada.

-Cal diría vostede que é o principal atractivo do Camiño da Ría de Muros-Noia?

-Este trazado complementa moi ben todo o que é o Camiño de Santiago. Temos unha saída de Muros que descorre por unha zona forestal e outra desde Porto do Son que combina mar e monte. Unha característica da paisaxe é a importante masa de pino marítimo que hai, que chega desde a ribeira do mar ata os cumios dos montes. O Camiño de Muros-Noia é único a nivel de paisaxe, envólvese na natureza.

-E a nivel patrimonial?

-Sobra dicir que Noia é unha localidade cun tremendo encanto no que a bens patrimoniais se refire, coa igrexa de Santa María A Nova e as súas laudas gremiais, pero tamén Muros e Porto do Son gardan o atractivo das vilas mariñeiras. O trazado descorre por un itinerario con importantes igrexas, como a da Virxe da Cerca de Muros, a de Goiáns en Porto do Son e a de San Campio de Outes.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
1 votos
Comentarios

Francisco Calo: «O Camiño de Muros-Noia é único a nivel de paisaxe, envólvese na natureza»