Muros ten en Ventura Malvárez unha nova centenaria

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

CEDIDA

A alcaldesa e o párroco acudiron ao seu domicilio para felicitala

20 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O municipio de Muros estivo onte de celebración. A súa veciña Ventura Malvárez Gil cumpriu 100 anos e a alcaldesa, Inés Monteagudo, e o párroco, José Daniel Pérez, achegáronse ao seu domicilio para felicitala. Ventura puido celebrar o seu aniversario acompañada da súa irmá Josefina, pero sen a presenza dos seus sobriños. «Non puidemos estar hoxe con ela porque vivimos os tres fóra de Galicia. Cando mellore a situación si que o festexaremos xuntos», explica a súa sobriña Josefina Novo.

Ventura é a maior de sete irmáns e a súa sobriña defínea como unha persoa sosegada, familiar, amante da lectura e con moi boa memoria. Tanto é así que o ano pasado axudou a recompilar nun libro as fotografías que realizou o seu pai, Juan Malvárez, entre 1910 e 1955.

Pasou toda a súa vida en Muros, aínda que visitou Puerto Rico para asistir á ordenación do seu irmá xesuíta, Bartolomé. Ventura non tivo fillos, xa que quedou viúva aos trece días de casar. Viviu e coidou dos seus sogros e agora reside na casa onde pasou a súa infancia.