Un investigador que compaxina ciencia e etnografía

Carmen Fernández RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

Sandra Alonso

Publicou unha ducia de artigos en revistas nacionais e internacionais de renome

22 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Un mozo saía de clase unha tarde calquera de inverno. Era de noite e a xornada non daba para moito máis. Os días pasaban entre o colexio e a casa familiar en Muros. Os anos sucedéronse, as inquedanzas aparecían e a decisión de marchar da cidade natal converteuse en realidade. A primeira parada que fixo Carlos Regueira (Muros, 1957) foi en Santiago, concretamente na universidade. Logo de licenciarse en Química volveu facer as maletas, esta vez cara Vimianzo, onde abriu un laboratorio de análises clínicas. Sempre coa curiosidade e necesidade de seguir aprendendo, Regueira non deixou de formarse e decidiu cursar un máster na Complutense de Madrid sobre ese campo e logo deu o salto á carreira de Farmacia, que rematou en 1989. Seis anos despois comezou outro máster, desta vez centrado en saúde pública, aínda que antes de empezalo desprazouse ata Alemaña para facer un curso de enerxías alternativas.

A Costa da Morte volveu ser a zona elixida por Regueira para asentarse, desta vez abrindo unha farmacia en Dumbría no 2000. Pero as ansias de seguir dando resposta ás preguntas que lle xurdían levárono a compaxinar o traballo coa tese doutoral, pola que recibiu un premio internacional. «Sempre estou facendo cousas. Gústame estar en contacto coa ciencia», explica. O seu estudo centrábase na epidemioloxía, concretamente nos factores causais do catarro.

Sempre foi afeccionado a investigar, polo que en 2007 aceptou a chamada da Universidade de Santiago (USC). Dous anos despois a docencia chamou á súa porta (primeiro en Pontevedra e logo en Santiago) e non dubidou en dar o paso. Durante unha década estivo a cabalo entre a capital galega e Lugo, impartindo clase de Medicina Preventiva e Saúde Pública no campus lucense á vez que investigaba sobre epidemioloxía nutricional en Santiago. Mais agora optou por pechar a etapa de docente para seguir dedicándose á investigación. «Este ano decidín deixar de impartir clases. Ao final do día estaba cansado. Co tempo faise duro», indica o investigador muradán.

Que rematase a súa carreira como profesor na universidade non implica que deixe de lado a súa paixón. «Agora céntrome máis na alimentación, en ver como se relaciona coa saúde», concreta Regueira. A un ano de prexubilarse, asegura que seguirá vinculado con este mundo. Ademais está a dirixir tres teses doutorais que agora mesmo están paradas pola situación derivada do coronavirus. «As alumnas coas que estou a traballar non poden vir porque son de Portugal e hai restricións de mobilidade», comenta.

Regueira conta cunha ducia de traballos publicados en revistas de investigación nacionais e internacionais de renome no sector, algo ao que lle quita importancia. «Son un investigador máis, o meu traballo non é moi destacado. Para min o máis importante é a calidade das investigacións, non o número de artigos publicados que teña», sostén.

No que si fai fincapé é no escaso financiamento destinado a este sector, polo que busca un camiño para seguir investigando no que non sexa necesario investir tantos cartos. Outra barreira coa que se atopan os científicos é a intervención da xente. «Cando fixen a tese doutoral participaron 10.000 persoas. Agora isto é imposible porque non é habitual que queiran contestar un cuestionario porque están moi saturadas. Queren saber, pero non participan», indica Regueira.

Traballo etnográfico

A curiosidade e as gañas de saber son fieis compañeiras de Regueira, por iso dende hai sete anos comezou a estudar os hórreos de Galicia. Buscaba informarse sobre estas construcións, pero as publicacións que atopou non resolvían as súas dúbidas, así que optou por atopar el as respostas. «Gústame encontrarlle o por que ás cousas, explicar a realidade», conta. A súa experiencia científica foi a base da súa investigación, e tras clasificar as construcións escribiu o Atlas de Hórreos de Galicia, publicado no 2017.

Este mes converteuse no gañador do certame de investigación Condado de Pallares pola súa investigación dos hórreos da zona. Agora Regueira está inmerso en dúas investigacións: sobre as construcións deste tipo na Costa da Morte e sobre os hórreos anchos. Polo momento, o muradán compaxinará a saúde pública coa etnografía.