Carlos Regueira gañou o Certame de Investigación Condado de Pallares

La Voz LUGO

MUROS

XOAN A. SOLER

Presentou un traballo sobre os hórreos

08 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Regueira Méndez, doutor en Farmacia, exprofesor da USC e investigador, é o gañador do XIV Certame de Investigación Condado de Pallares polo traballo Hórreos do Condado de Pallares, segundo acordou onte o xurado cualificador en Chantada. O premio, dotado con 3.000 euros e a publicación do estudo, está organizado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares e polos concellos de Chantada, Guntín e Taboada, coa colaboración da Xunta, a Deputación, Caixa Rural e os GDR Comarca de Lugo e Miño Ulla.

Regueira Méndez, que impartiu clase ata o ano pasado no departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública e Medicina da USC, licenciouse en Química e en Farmacia. Participou en cinco proxectos de investigación relacionados coa saúde pública, dirixiu dúas farmacias e un laboratorio de análises clínicas, é autor ou coautor de preto dunha ducia de publicacións en revistas especializadas e de oito libros relacionados coas ciencias médicas, ademais de outras moitas iniciativas no ámbito sanitario.

Pero este exdocente, nado no concello coruñés de Muros e residente en Ames, tamén é unha autoridade no estudo dos hórreos galegos, afección que o levou a percorrer a práctica totalidade dos concellos, dando como resultado, entre outras publicacións, un atlas que é un referente para o estudo destas populares construcións do patrimonio galego.