Juan Lado, Piti: O retorno do lendario goleador da Costa

LAURA MARTELO MUROS / CORRESPONSAL

MUROS

LAURA MARTELO

O punta muradán Piti volve á categoría sénior tras tres tempadas nos vetaranos do Soneira

19 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Barbanza sempre foi prolífica en talento deportivo, especialmente no deporte rei. Dos múltiples clubes e sociedades que existen saíron xogadores que destacaron polo seu bo facer co balón nos pés, e precisamente de Muros saíu un dos grandes goleadores da zona. A historia de Juan Lado Léon, máis coñecido como Piti (Muros, 1976), estivo atada á súa vila e ao fútbol dende cativo, tal e como recorda: «Aquí había remo, pero o que máis me chamou foi o fútbol, de velo na televisión e levarme os meus pais ao campo. Estaba comendo e tiña o balón debaixo dos pés, saía do colexio e estaba xogando co balón ata que a miña nai me chamaba para casa. Foi o que máis me tirou sempre».

A súa andaina futbolística comezou con tan só 16 anos adestrando co equipo local, dentro do que podía, xa que por aquela non existía a formación cadete. Non foi ata un ano despois que obtivo a súa primeira ficha: «Eu ía para arriba e se me deixaban xogar a pachanga xogaba, e se non… pois corría por alí un pouco».

Pasou por moitos clubs da contorna durante a súa carreira: Muros, Louro, Lira, Soneira, Volantes de Baño... En todos eles deixou unha pegada coa súa grande habilidade para marcar goles. Mais é do vestiario do Lira, equipo no que entrou aos 21 anos, do que garda un recordo especial: «En todos os equipos que xoguei estiven ben, pero no Lira foi onde mellor o pasei porque eramos moitos rapaces de moitos sitios diferentes, de Fisterra, de Esteiro, de Outes… de moitos sitios. Fixemos unha piña. De feito agora temos un grupo, que é Veteranos de Lira, e estamos a maioría deles».

Ao muradán non lle faltaron ofertas durante a súa carreira. No primeiro ano da súa existencia, o Noia interesouse por el, aínda que, segundo explica, seus pais non estaban totalmente de acordo con iso debido á súa xuventude. Anos despois, estando xa no Lira, foi o Bergantiños o que amosou interese en contar co dianteiro entre as súas filas tras ver a súa desenvoltura no campo: «Xogáramos contra eles cando estaba José Luis, xogador do Dépor, e queríame levar para o Bergantiños. Chamáronme da directiva dicíndome que estaban interesados en ficharme. Pero eu estaba de marabilla en Muros, había discoteca e había de todo. Son cousas que ao mellor arrepínteste, pero tiña aos meus amigos por aquí», comenta cun sorriso.

Sobre se pensa se tomou a decisión acertada, Piti ten claro que escolleu o camiño correcto: «Non sei como podería funcionar con apenas vinte anos. A min gústame xogar ao fútbol cos amigos. Nunca pedín cartos a onde fun xogar. Nin se me pasa pola cabeza. Xogaba porque me gustaba». Ano tras ano, a destreza deste fenómeno quedou patente nos resultados obtidos, quedando sempre no podio dos máximos goleadores da liga.

O camiño

Foron máis de dúas décadas dedicando o seu tempo libre ao deporte rei, pero segundo comenta, a última temporada que pasou co Volantes de Baño, no 2014, foi unha das máis emotivas: «Cadrei con Felipe Candamo, Cacharro, que foi quen me chamou para adestrar con eles. Creo que foi o ano que máis gocei. De feito, foi a vez que máis adestrei. Tamén ese ano foi o ano que máis goles marquei. Déronme o premio ao mellor xogador da Costa. Mellor ano, imposible».

Precisamente de Felipe Candamo garda un recordo especial por ser o que fixo que Lado volvese calzar as botas tras un ano de parón: «Grazas a el fun o que fun con 40 anos». O certo é que Lado aínda non ten claro onde estará esta tempada, un ano no que a sombra da pandemia sitúase sobre o deporte afeccionado. Aínda así afirma que «se ao final hai competición vou moi ilusionado», especialmente se retorna aos equipos das categorías sénior, onde cre que aínda lle quedan cousas por facer.

Sobre as posibilidades de que se chegue a celebrar a competición, amosa un certo pesimismo: «A ver si se pode. Para min, vai ser moi difícil porque xa estamos vendo o que hai nas categorías grandes e noutros deportes. Esa xente pasa probas case todas as semanas, e aquí penso que ese control non o poden levar clubs coma o Muros ou o Louro. Ademais, sen xente nas gradas pérdese a esencia. Oxalá se poida, pero vai estar complicado».

DNI

  • Pichichi da Costa. Con 40 anos proclamouse máximo goleador con 34 tantos.
  • Tempada 20-21. Ten ofertas de varios equipos para incorporarse á categoría sénior, pero aínda non decidiu o seu lugar.
  • Muros. É o equipo no que lle gustaría colgar as botas.