Seis mulleres analizan en Muros o seu papel na cultura

MUROS

BASILIO BELLO

Paula Rego, Eli Ríos e Carmen Senande están entre as participantes

08 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Onde están as mulleres da cultura? Esta é a pregunta á que tentarán darlle resposta as seis profesionais que entre mañá e o vindeiro día 16 participarán no foro que se desenvolverá no Centro Cultural e Xuvenil de Muros. Todas elas narrarán as súas experiencias en diversos eidos culturais, para abrir logo un debate, ao que se sumará unha xornalista, no que se afondará nos retos xurdidos a raíz do covid.

Na sesión de mañá, que comezará ás 19.00 horas, participarán Olga Osorio, cineasta que ten recibido máis dun cento de premios; Lula Goce, doutora en Belas Artes que chegou coa súa arte de India, China, Xapón e Australia; e Paula Rego, batería de Agoraphobia, banda coa que leva percorrido medio mundo. O debate será dirixido por Belén Regueira, xornalista vinculada á Radio Galega e á TVG.

Para o 16 están previstas as intervencións de Eli Ríos, unha das referentes do eido literario en Galicia; Iria Piñeiro, actriz que acadou un María Casares con Chévere; e Carmen Senende, especialista en museoloxía e arte contemporánea con diversos premios no seu currículo. No debate estará acompañadas por Marta Gómez, xornalista especializada en programas culturais.

O acceso a ámbalas dúas sesións é de balde, aínda que o aforo é limitado, polo que as persoas que desexen asistir como espectadores teñen que inscribirse previamente chamando ao número de teléfono 981 762 294. Desde o departamento de Política Lingüística de Muros animan a todos os veciños a sumarse, sobre todo aos mozos que están pensando o camiño laboral a seguir no futuro.

Este ciclo forma parte do programa Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 e as sesións serán gravadas para a súa difusión posterior.