Muros súmase á defensa de cultura e lingua

M. X. B.

MUROS

cedida

Dará cabida a un ciclo sobre á muller e una representación a cargo de Ibuprofeno Teatro

19 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística puxo en marcha un plan que persegue a reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados do covid dentro do programa Xacobeo 2021, ao tempo que busca a dinamización do galego. No marco deste proxecto estanse a levar a cabo diferentes actividades en toda a comunidade e o responsable de dito departamento, Valentín García, recalou en Muros para dar conta das que, a curto prazo, terán lugar nesta vila. A primeira delas, o concerto Enraizada, a cargo do grupo Caldo e de Sofía Espiñeira, foi onte mesmo. Para comezos de outubro están previstas unhas xornadas sobre muller e cultura e unha representación teatral.

O ciclo de charlas desenvolverase os días 2 e 5. Constará de dúas sesións nas que mulleres salientables pola súa traxectoria profesional narrarán as súas experiencias nos eidos da arte e a cultura. Tralos relatorios, abrirase un debate, conducido por unha xornalista, no que poderán intervir os asistentes. A idea é analizar como se pode afrontar a produción artística e técnica na situación actual, marcada pola crise do covid.

«O mel non caduca»

A segunda das actividades que onte se presentaron en Muros foi a representación de O mel non caduca, a cargo de Ibuprofeno Teatro. A función está fixada para o 3 de outubro, ás 21.30 horas, e situará sobre o escenario a Marián Bañobre e Avelino González. Os dous se poñen nesta ocasión ás ordes de Santiago Cortegoso, o director, para presentar un espectáculo de creación colectiva, que xira ao redor da relación do ser humano cos obxectos, da degradación ecolóxica derivada da lóxica consumista do capitalismo. É unha obra dirixida ao público adulto, cunha sorprendente dimensión plástica e sonora creada a partir do universo das abellas.

Valentín García estivo arroupado por Pablo Pérez, da empresa Repica Cultural; Patricia Hermida, de Dotbeat; e pola rexedora, Inés Monteagudo, que destacou a aposta do Concello pola cultura e a lingua. Lembrou que Muros foi un dos primeiros concellos que programou unha actividade cultural tralo confinamento, unha obra de teatro relacionada coa reciclaxe e o medio ambiente, que tivo lugar o 5 de xuño.