Nieves Martínez: A nena que soñaba con gañarlle a batalla ao cancro

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

cedida

Os tumores dixestivos e endócrinos constitúen a súa liña de traballo a nivel asistencial e de investigación

28 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

De nena tiña claro que o fonendoscopio sería a súa ferramenta de traballo e cando aínda non chegara á adolescencia, Nieves Martínez Lago (Muros, 1985) xa ansiaba especializarse na área de oncoloxía. Experimentara o sufrimento derivado desta enfermidade no seo da súa familia, no que se rexistraran varios casos de tumores, e sentía a necesidade, non só de curar a aqueles que padeceran esta doenza, senón tamén de acompañalos. Porque ela está convencida de que ademais de tratamentos que alonguen e melloren a calidade de vida dos pacientes, un doutor ten que receitar cariño e consolo.

Nieves Martínez situou o aparello dixestivo no centro da súa diana e completou os estudos universitarios en Santiago cunha estancia formativa na unidade de tumores dixestivos do Royal Masdern Hospital de Londres. A súa tese doutoral versou sobre a identificación de biomarcadores de recaída no cancro gástrico e, desde que a culminou, desenvolve o seu traballo no CHUAC, na área de tumores dixestivos e neuroendócrinos. Alí lidia a súa particular guerra contra o cancro desde dúas frontes: a asistencia clínica e a investigación traslacional.

Desde a primeira, busca axudar aos seus pacientes no sentido máis amplo da palabra: «Cada vez detectamos máis casos en estadios iniciais e as posibilidades de curación aumentan, pero cando iso non é posible, hai que facer un labor importante de acompañamento. Neste campo non é so cuestión de fármacos». Como investigadora, está mergullada na procura de novos fármacos para tratar os tumores dixestivos: «Os obxectivos son que os pacientes vivan máis e mellor, precisamos tratamentos máis eficaces e mellor dirixidos, de xeito que os efectos secundarios queden minimizados».

O radio de acción desta sanitaria muradá abrangue dous campos moi importantes a nivel oncolóxico: o dixestivo, especialmente o cancro de colon, e o esofagogástrico. En ámbolos dous casos, ela insiste na importancia da detección precoz: «É fundamental atacar no estadio máis inicial posible, por iso, diante de calquera situación anómala, como unha perda de peso inexplicable ou sangrados, hai que consultar. O feito de esperar non soluciona ningún problema». Aínda así, ás veces a curación é imposible e son eses casos os que constitúen a cara amarga do traballo de Nieves Martínez: «O máis difícil nesta profesión é cando chegas á fase final dun paciente ao que levas moitos anos acompañando, porque aquí acabas tendo un vínculo moi especial cos enfermos. Tes que aprender cal é o teu papel e quedar cos logros, co feito de terlle mellorado e alongado a vida».

Aquilo que anhelaba cando era nena constitúe agora un soño feito realidade: «Noto o cariño dos meus pacientes e síntome sumamente útil, penso que hai poucas profesións nas que teñas unha satisfacción semellante co teu traballo. Iso é o que me dá forzas para seguir, sentir que o que fago paga realmente a pena».

O reto de seguir sumando

Sabe que para gañarlle a batalla ao cancro aínda queda un longo camiño por percorrer, pero amósase optimista: «Aínda que a incidencia está aumentando, penso que agora mesmo o cancro vai camiño de converterse nun mal crónico. O obxectivo a medio prazo é que saian fármacos que permitan que os pacientes se estabilicen durante moito tempo. Curar é mais un anhelo ca unha expectativa de futuro, por iso o meu soño é seguir trallando».

Convencida de ter atopado o seu lugar, Nieves Martínez non é allea ao gran reto sanitario actual. Ao contrario, pois os seus pacientes son persoas de alto risco no que á incidencia do covid-19 se refire. A muradá refírese á pandemia como «un pulso que chegou para poñer en xaque á sociedade actual». Asegura que a estampa que ve diante dos seus ollos é de vulnerabilidade total e está convencida de que por diante queda una dura batalla: «Temos que concienciarnos de que a única saída é a adopción das medidas de prevención. A máscara o lavado de mans constante e a distancia de seguridade son imprescindibles».

Ela confía en volver á ansiada normalidade, pero está convencida de que non sucederá a curto prazo: «Ata que non dispoñamos dunha vacina imos ter que adoptar medidas con máis ou menos restricións». Sabe que o coronavirus é unha nova ameaza para os pacientes aos que sempre soñou con poder axudar.