Inés Monteagudo: «Vai haber que reorientar as partidas do orzamento cara a atención social»

A rexedora muradá recoñece que o primeiro ano do mandato foi especialmente duro


Ribeira / La Voz

Di a alcaldesa Inés Monteagudo que Muros «sempre sobresaíu polas súas circunstancias particulares». Esas circunstancias ás que fai alusión vense reflectidas nunha corporación municipal fragmentada, encabezada por un executivo formado unicamente polos catro concelleiros do PP. A rexedora recoñece que o seu equipo tivo que redobrar esforzos para sacar adiante os asuntos do Concello nun ano especialmente complicado.

-Como se está a desenvolver este goberno de catro nunha corporación de 11?

-Con esforzo, porque hai moito traballo que facer e eu son a única que ten unha dedicación exclusiva. Pero penso que, a pesar de ser catro e das circunstancias que nos tocou vivir, as cousas pouco a pouco van saíndo.

-Na véspera das eleccións municipais aseguraba que Muros seguía cos mesmos problemas que ao inicio do mandato, conseguiron ir resolvendo algúns?

-O exemplo máis evidente da parálise que había é que tivemos que empezar a facer os procedementos de contratación dos plans de obras do 2017, houbo que facer un esforzo importante porque as prórrogas estaban a piques de acabar. Neste ano adxudicamos, licitamos ou están en proceso actuacións por 1,5 millóns de euros.

-Se esas obras contaban con orzamento e estaban aprobadas, que fixo daquela o anterior goberno? Por que non se licitaron?

-Non sei moi ben que fixeron. Eu cando cheguei ao despacho non atopei absolutamente nada, os expedientes estaban parados e practicamente había que facer un traballo de investigación para saber onde estaban as cousas. É certo que as circunstancias non era fáciles porque a situación da plantilla era moi complicada, houbo unha época de moita rotación de persoal... Pero no último ano do anterior goberno non había seguimento de nada.

-Transcorrido un ano no goberno, que valoración fai?

-Non foi nada fácil ao principio. Tivemos que poñernos ao día acelerados porque nos viñan enriba un montón de cousas. O verán pasado foi intenso, tivemos incendios, no inverno inundacións e agora unha pandemia... O ano foi intenso porque custou moito arrancar e agora que se estaba normalizando a dinámica de traballo, veu o covid-19 e a planificación que tiñamos feita practicamente ata setembro foi ao lixo. A pandemia esixiunos facer outro esforzo importante, e agora temos que facer un novo esforzo para volver á normalidade. É unha tarefa hercúlea. Pero cada día estou máis orgullosa de estar aquí, presidindo este Concello e representando aos veciños, que tiveron un comportamento exemplar durante a crise.

-Unha das dificultades segue a ser ter uns orzamentos prorrogados. Cal é a situación económica?

-É mala. Estabamos cun plan económico financeiro que se incumpriu e hai que aprobar outro, e é previsible que os ingresos previstos se vexan reducidos polo covid. Un dos nosos obxectivos era poder sacar adiante o orzamento para regularizar a situación da plantilla de traballadores e porque o que temos é xa antigo, do 2015, e iso complica a xestión. Xa o tiñamos encarrilado, pero ese traballo quedou interrompido pola pandemia e agora hai que reavaliar a parte que tiñamos feita porque vai haber que reorientar as partidas cara a atención social. Entendemos que as necesidades neste eido se van ver agravadas polo covid.

A situación no seo da corporación había tempo que viña marcada polos enfrontamentos persoais entre os integrantes dos distintos grupos, especialmente entre o PSOE e Compromiso por Galicia. Nesta nova etapa, di Inés Monteagudo que a situación mellorou e, no que respecta ao goberno, están logrando os apoios necesarios nos plenos.

—Co precedente dun mandato moi convulso desde o punto de vista político, como está a ser o actual? Contan coa colaboración da oposición?

—A situación mellorou ostensiblemente. Conseguimos aprobar todo o que levamos a pleno, o cal é de agradecer e creo que é indicativo de que as propostas que trasladamos eran razoables. Segue habendo algún rifirrafe por cuestións persoais que eu creo que non se deberían trasladar ao pleno porque desvirtúan o traballo que facemos, pero si creo que mellorou. Existe máis diálogo co resto de voceiras, antes practicamente non había.

—Houbo achegamentos con algunha formación en particular?

—Falei con todos os grupos. Nuns casos foi o BNG o que nos apoiou, noutros foi o PSOE e a maioría das veces foron todos. O diálogo é máis fluído e está máis normalizado, e espero que se manteña. Desexo que todos sexamos capaces de poñer os intereses dos veciños por diante de todo o demais.

—Que tipo de actuacións lograron sacar adiante grazas a ese entendemento?

—En Louro fixéronse melloras en distintos accesos, e amañouse o bombeo do Espadañal para solucionar os problemas de verteduras que había. Instalouse o saneamento en Abelleira e acabamos de contratar a mellora de instalacións hidráulicas en Serres e a substitución do pavimento do pavillón de Miraflores. Tamén se fixeron cousas pequenas, que non teñen un custo elevado, pero que si solucionan problemas do día a día e teñen un impacto na calidade de vida dos veciños.

Se non aparece outra pandemia que bote por terra os seus plans, Inés Monteagudo ten claros cales son os retos que ten por diante o Concello de Muros durante este mandato.

—Que obxectivos ten fixados para os vindeiros anos?

—Temos catro retos importantes. O primeiro é ser capaces de dar resposta ás demandas sociais, que probablemente se incrementarán a raíz da crise sanitaria; necesitamos aprobar uns novos orzamentos; sacar adiante a relación de postos de traballo e estabilizar a plantilla de persoal para ter os servizos municipais ben organizados é outra cuestión importante; e por último, facer un plan de contratación, fundamental para axilizar os procedementos e cumprir coa normativa, porque non é fácil facelo agora mesmo. Son ambiciosa e pretendo levar a cabo a actualización de todas as ordenanzas, iso supón unha carga de traballo administrativo moi grande.

—Polo que comenta, os retos son máis de xestión que de actuacións moi vistosas...

—Si que hai cousas moi visibles que nos gustaría facer, como a mellora do edificio da lonxa, o mercado, ordenar parques e zonas verdes ou dotar ás parroquias dos espazos sociais que lles fan falta. Pero creo que antes de todo iso temos que sentar as bases para afrontar as obras dese tipo con garantías.

A alerta sanitaria polo coronavirus no só interrompeu a actividade habitual no Concello e desbaratou as previsións que manexaba o goberno de Inés Monteagudo, senón que tamén obrigou a tomar medidas desde a institución municipal moitas veces sen unhas directrices claras de como actuar.

—Falaba antes das dificultades que supuxo a crise do coronavirus. Que foi o máis complicado?

—Foi un momento difícil sobre todo pola situación de incerteza, polo medo e porque era unha situación inédita, que nunca antes vivíramos. Había que estar constantemente reorganizando servizos para dar resposta ás necesidades que ían xurdindo e ás normas que se ían aprobando. Servizos como a limpeza, o GES, a axuda no fogar... Había que organizalos e ao mesmo tempo conseguir material de seguridade para distribuír. E todo isto coa preocupación de intentar protexer aos traballadores do Concello, non expoñelos ao perigo. Facías todo un pouco a cegas, non sempre sabías se estabas actuando correctamente. Foron tres meses de estar constantemente en alerta, sen apenas descansar.

—E o mellor?

—A resposta dos veciños foi espectacular, no só polo comportamento exemplar que, en xeral, mostrou todo o mundo, tamén polas mostras de solidariedade, que foron conmovedoras e que che fan sentir orgullosa.

—Que pesa máis no balance? A presión ou o orgullo?

—É unha sensación agridoce, polo medo e a tensión que tiñas todo o tempo e polo orgullo pola resposta dos veciños.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Inés Monteagudo: «Vai haber que reorientar as partidas do orzamento cara a atención social»